“Os concellos que prestamos este servizo vemos en risco a nosa sustentabilidade ao ter que asumir unha competencia impropia que debería prestar directamente a Xunta de Galicia”, afirma Álvaro Vila.
Para Vila, “a asistencia no fogar é un servizo capital en Ourense, cada vez é máis demandado, debendo os municipios asumir cargas que hipotecan o seu futuro económico”.
Ourense, 27 de setembro de 2024. O Grupo Provincial Socialista acadou o compromiso do pleno da Deputación de Ourense para esixir do goberno autonómico a “correcta asunción das súas competencias, que inclúen un financiamento acaído coa realidade do Servizo de Axuda no Fogar (SAF)”. Tal e como destacou o voceiro socialista, Álvaro Vila, “os concellos que prestamos este servizo vemos en risco a nosa sustentabilidade ao ter que asumir unha competencia impropia que debería prestar directamente a Xunta de Galicia”.
Para Vila, “o SAF é un servizo capital en Ourense, que cada vez é máis demandado debido ás particulares condicións sociodemográficas da nosa provincia, debendo os municipios asumir importantes cargas, que non cesan de aumentar e hipotecan o seu futuro económico”. “Hai pequenos concellos do noso rural para os cales o servizo deveu extremadamente oneroso, superando mesmo ao gasto en limpeza viaria e recollida do lixo”, dixo Vila.
Nalgúns municipios o SAF representa xa un de cada tres euros dispoñibles para gasto corrente, o cal se ve agravado coas novas disposicións que reducen o copagamento a asumir polos usuarios do servizo e que debe ser sufragado pola Administración. “Os socialistas non podemos quedarnos de brazos cruzados mentres a Xunta, que ten as competencias, mira cara outro lado, resultando en último termo prexudicadas as persoas dependentes”, sentenza o voceiro socialista.
O grupo de goberno do PP rexeita aportar recursos
Porén, co voto en contra do PP e a abstención de BNG e DO, a proposta socialista para que a Deputación asuma parte dos custos do SAF dos concellos de Ourense non saíu adiante. “Consideramos que mentres a Xunta non actúa, a Deputación ben pode contribuír ao mantemento e mellora dun servizo esencial para o benestar social da provincia”, considera o deputado socialista.
A iniciativa socialista contemplaba a posta en marcha de liñas de financiación provincial para o SAF, a dotación de medios aos equipos de valoración de dependencia para reducir as listas de agarda e mellorar a prestación do servizo.

