O Pleno da Deputación aproba por unanimidade unha iniciativa socialista para activar un programa de axudas aos gandeiros afectados pola Enfermidade Hemorráxica Epizoótica con vistas a paliar perdas e garantir a estabilidade do sector.
Ourense, 27 de setembro de 2024. O pleno da Deputación de Ourense aprobou por unanimidade a proposta do Grupo Provincial Socialista socialista para poñer en marcha un programa de axudas dirixidas aos gandeiros afectados pola Enfermidade Hemorráxica Epizoótica (EHE) “con vistas a paliar as perdas das explotacións e garantir a estabilidade do sector”.
“Por mor da tardanza da Xunta en reaccionar e do limitado dos subsidios, que non cobren as perdas reais, a Deputación ten que actuar para dotar de garantías ás moitas familias que dependen da actividade neste ramo”, dixo a deputada socialista Marina Vaz, encargada de defender a moción do Grupo do PSdeG-PSOE na Deputación de Ourense.
Dispor dos mesmos recursos que o resto de provincias galegas
Segundo explicou Vaz, “os gandeiros apenas chegan a recibir a axuda dos servizos veterinarios públicos, que son nomeadamente escasos na provincia de Ourense, non contando tampouco cun laboratorio de sanidade animal, como si teñen o resto de provincias galegas”. O Grupo Provincial Socialista exhortaba así á Deputación para presionar á Consellería de Medio Rural co obxecto de que Ourense dispoña alomenos dos mesmos recursos cos que contan o resto de provincias galegas.
A EHE está a provocar grandes perdas nas granxas de vacún de Ourense, nomeadamente por mor de consultas veterinarias, aplicación de medicamentos, traballos de desinfección, vacinas, mortes de animais adultos, abortos e descenso na rendibilidade das reses. “Entrementres, a Deputación ten que actuar porque está en xogo a propia supervivencia das explotacións, das que dependen tantos fogares na nosa provincia!”, conclúe Vaz.

