Concello de Ourense Política municipal

Trasladamos o noso apoio aos e ás empregadas do Concello de Ourense que farán folga

AS SOCIALISTAS TRASLADAN O SEU APOIO AOS E ÁS EMPREGADAS DO CONCELLO QUE FARÁN FOLGA POLOS SEUS DEREITOS E PIDEN AO ALCALDE QUE INVISTA OS SEUS ESFORZOS EN PROXECTOS CHAVE PARA OURENSE

“O rexedor debe entender que a negociación é fundamental, tanto cos sindicatos como co resto da oposición, para dirixir a terceira cidade de Galicia e chegar a acordos que dean estabilidade”, afirma a portavoz do PSdeG, Natalia González

Advirten as e os socialistas de que a inestabilidade que padecen as e os traballadores públicos ten como consecuencia non só o deterioro dos seus dereitos laborais, senón un peor servizo prestado á cidadanía

Ourense, 27 de setembro de 2024. As e os edís do grupo municipal socialista trasladan o seu apoio e respaldo aos e ás empregadas do Concello de Ourense que, logo de celebrar onte unha asemblea convocada polos cinco sindicatos con representación na Administración local, decidiron optar pola folga ante o desprezo do alcalde, Gonzalo Pérez Jácome, polo plan de estabilización e o seu proceder continuo respecto á política de persoal dos últimos 5 anos.

“O rexedor debe entender que a negociación é fundamental, tanto cos sindicatos como co resto de grupos da oposición, para dirixir a terceira cidade de Galicia e chegar a acordos que dean estabilidade e deixen de menoscabar o prestixio da institución e da urbe da que é alcalde”, sinala a portavoz do PSdeG na Casa Consistorial, Natalia González.

Advirten, ademais, dende o grupo municipal socialista de que a inestabilidade que padecen dende hai anos as e os traballadores públicos ten como consecuencia non só o deterioro dos seus dereitos laborais que agora reclaman, senón un peor servizo prestado á cidadanía que, nalgúns casos, pode chegar a resultar perigoso como se traduce da insuficiencia de persoal para cubrir os turnos da Policía Local ou de Bombeiros de Ourense.

“O alcalde, como xefe de persoal que é, debe deixar de poñer o foco no funcionariado e os e as empregadas municipais, rematar co caos e a parálise e investir o seu tempo e esforzos en traballar por sacar adiante proxectos chave para a cidade”, remata.