“A Deputación rendeuse á evidencia de que non podía ser a única que non tiña un plan de cooperación cos concellos baseado nun reparto de fondos segundo criterios obxectivos», subliña o alcalde do Barco.
Segundo este, “amais da importancia de levar a cabo proxectos necesarios para a veciñanza, ao saber exactamente os recursos que nos corresponden podemos planificar como mellor investir os cartos».
“O CooperOu representa unha mutación con respecto ao anterior estado de cousas, cando o PP asinaba os fondos segundo a afinidade ideolóxica dos concellos», estima o deputado Aurentino Alonso.
O Barco de Valdeorras, 1 de outubro de 2024. O Grupo Provincial Socialista continúa na capital da comarca de Valdeorras, O Barco, a súa xira polo territorio para avaliar o impacto do novo plan único de reparto de fondos da Deputación de Ourense (CooperOu), cuxos contornos e aprobación por parte da corporación provincial débense ao traballo do PSdeG-PSOE.
“Por fin neste 2024 a Deputación Provincial rendeuse á evidencia de que non podía ser a única das galegas que non tiña un plan de cooperación cos concellos baseado nun reparto de fondos segundo criterios obxectivos”, subliña o alcalde do Barco, Alfredo García.
Os deputados provinciais do PSdeG-PSOE, Elvira Lama e Aurentino Alonso, quen tamén é concelleiro de Deporte, Xuventude e Participación Cidadá no Barco, visitaron en compañía de Alfredo García unha das obras que, precisamente, se están a levar a cabo grazas aos fondos do CooperOu.
“Trátase da pavimentación, saneamento, abastecemento e pluviais das rúas da Ribera, Soto de Yáñez e Veiguiña, que é unha obra moi importante para a vila, ascendendo o monto dos traballos da primeira fase das obras a algo máis de 175 mil euros”, explica García.
Segundo este, “amais da importancia de poder levar a cabo proxectos necesarios para a veciñanza, a implementación do plan único permítenos saber os recursos que nos tocan para o vindeiro exercicio, e os sucesivos, pudendo planificar de xeito calmo, sen presas nin carreiras, o mellor xeito de investir os cartos que chegan da Deputación”.
Loita socialista para un financiamento xusto
“Ben está o que ben acaba!”, destaca o alcalde do Barco de Valdeorras, quen evoca a súa etapa á fronte da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), cando foi declarado persoa non grata pola propia Deputación de Ourense ao intentar que se adoptase un plan coma este, de financiamento xusto, baseado en criterios obxectivos, para o financiamento dos municipios ourensáns.
“Aquelo foi o xerme, ao que seguiu a loita e o traballo das compañeiras e compañeiros na Deputación, que foron quen de conseguir esta decisión última na Deputación para financiar os concellos sobre a base de criterios equitativos”, sentenza García.
O Barco de Valdeorras percibía apenas 77.000 euros anuais. Coa entrada en vigor do CooperOu pasa a percibir, tralas dúas modificacións de crédito que o PSdeG-PSOE negociou co grupo de goberno do PP, de outubro de 2024 e de 2025, un total de 577.255 euros anuais. “Isto representa multiplicar case por por dez a capacidade de investimento do concello”, subliña o alcalde do Barco.
“O CooperOu representa unha transformación moi importante con respecto ao anterior estado de cousas, cando os concellos non sabían con que recursos podían contar, dependendo sempre da afinidade co grupo de goberno na Deputación, que asignaba de xeito nominativo os fondos, que non se podían dirixir cara aquelo que realmente era necesario no concello”, conclúe Aurentino Alonso.

