O GRUPO SOCIALISTA NO CONCELLO DE OURENSE CONSEGUE QUE SE APROBEN AS SÚAS MOCIÓNS PARA POÑER EN MARCHA UNHA REDE DE COIDADORES DE BARRIO E REABRIR O MUSEO MUNICIPAL
“É certo que o feito de que o 25% da poboación ourensá teña 65 anos explica moi ben a nosa idiosincrasia, pero tamén nos describe que permitamos medrar o problema da soidade non desexada mirando cara outro lado”, expuxo a voceira do PSdeG, Natalia González
“Propoñemos tamén un enfoque no eido educativo do Museo Municipal a través da elaboración e posta en marcha de programas dirixidos a estudantes de diversos ciclos”, destacou a edil do PSdeG Alba Iglesias
Ourense, 4 de outubro de 2024. O grupo municipal socialista do Concello vén de lograr a aprobación da súa moción para a elaboración e posta en marcha dunha rede de coidadores e coidadoras de barrio que axude a paliar os efectos da soidade non desexada. “Ourense é coñecida polas súas altas cifras en canto a esperanza de vida das persoas maiores. Pero detrás desas cifras tamén se esconde unha triste realidade en moitos casos”, comezou argumentando a portavoz do PSdeG, Natalia González.
Sinalou na sua intervención datos como os do Observatorio Estatal da Soidade Non Desexada, nos que se reflicten que 1 de cada 5 persoas padecen este fenómeno no noso país e que entre as maiores de 65 anos a prevalencia aumenta nas cidades. É certo que o feito de que o 25% da poboación ourensá teña 65 anos explica moi ben a nosa idiosincrasia, pero tamén nos describe que permitamos medrar o problema da soidade non desexada mirando cara outro lado”, expuxo durante o pleno ordinario de outubro que se tivo lugar esta mañá.


A moción busca, entre outras cousas, ofrecer unha alternativa a todas as persoas maiores que prefiren vivir soas nas súas casas, moitas das cales non son conscientes de que xa non son tan independentes como cren e non son capaces de pedir axuda, ou non saben como reclamala, atopándose de fronte cun sistema burocrático que esixe arranxar moitos papeis e manexa uns prazos de tempo demasiado amplos para dar solucións.
Tamén conseguiron as e os socialistas o respaldo do resto de grupos da oposición para aprobar a iniciativa que insta ao goberno local a reabrir o Museo Municipal de Ourense e estudar a ampliación das súas instalacións a través da adquisición da Casa das Cadeas. “Propoñemos tamén un enfoque no eido educativo do museo a través da elaboración e posta en marcha de programas dirixidos a estudantes de diversos ciclos”, destacou a edil do PSdeG Alba Iglesias.
Incidiu en que sería imprescindible o desenvolvemento de programas conxuntos con universidades e centros de investigación para fomentar o estudo e profundar na historia local, fortalecendo así o vínculo entre o edificio e a comunidade académica e potenciando o seu papel como referente cultural. “E para garantir a calidade e o atractivo das exposicións entendemos relevante a colaboración permanente con historiadores, arqueólogos e expertos en museografía, que colaborarían no deseño dos contidos –combinando rigorosidade académica con elementos interactivos e multimedia para ofrecer tamén entre as súas paredes unha experiencia educativa innovadora e accesible para tódolos públicos–”, subliñou.
O 1 de outubro de 2021, o goberno do actual alcalde, Gonzalo Pérez Jácome, pechou o Museo Municipal coa promesa de trasladar a súa actividade expositiva ao Centro Cultural Ángel Valente para “mellorar a difusión cultural”. “Desde entón –lamentou a socialista na súa quenda– este espazo renacentista, restaurado no ano 1985, quedou abandonado e sen un proxecto claro, mentres se prantexaban varias ideas que desvirtuaban o mesmo como destinar a infraestrutura a un museo do Entroido ou do viño”.
Ante as palabras do rexedor, aseverando que non entendía como o PSOE podía presentar unha moción que pide máis investimento en cultura mentres se nega a respaldar as modificacións de crédito do executivo local, a concelleira respondeu que votan en contra porque non se cumpren “procedementos”, non se ensinan “facturas”, non se dan “explicacións” e se abusa dos “contratos menores”.
“Gasta diñeiro en taxis, en paparotas e logo non paga aos e ás traballadoras, non paga a provedores, non paga as obras que xa fixo, non paga as rampas… Que si, as rampas de mobilidade vertical si que teñen unha pegatina, señor Jácome: pufos”, rematou contestando.

