concellos Deputación de Ourense INICIATIVAS

O Grupo Provincial Socialista comproba en Vilamartín de Valdeorras a conveniencia do plan de reparto obxectivo de fondos entre concellos

“O CooperOu fíxonos un grande favor e no noso caso permítenos facer moitos dos traballos que temos que afrontar e, ao mesmo tempo, poder sobrevivir”, estima o alcalde de Vilamartín de Valdeorras.

“Era necesario, pero fai falta que sexa máis ambicioso para abordar máis proxectos, que é o que sei están a loitar as miñas compañeiras e compañeiros”, sostén Enrique Álvarez.

“É moi importante poder desenvolver proxectos necesarios para a veciñanza e o plan único aporta transparencia e certidumes para os concellos”, sostén o deputado socialista Aurentino Alonso.

Vilamartín de Valdeorras, 8 de outubro de 2024. Deputadas e deputados do Grupo Provincial Socialista na Deputación de Ourense acudiron a Vilamartín de Valdeorras no marco dunha xira para avaliar o impacto do novo plan de financiamento dos concellos (CooperOu) aprobado grazas ao PSdeG-PSOE. En compañía de Enrique Álvarez, alcalde do municipio, visitaron os traballos na rúa Justino Ferrándiz, en plena Ruta das Covas, “que terían sido inviables baixo o anterior mecanismos”, subliñou o rexedor.

“O CooperOu fíxonos un grande favor e no noso caso permítenos facer moitos dos traballos que temos que afrontar e, ao mesmo tempo, poder sobrevivir, tirar para adiante”, estima Álvarez. Para o alcalde de Vilamartín de Valdeorras, “temos unhas necesidades acuciantes e, amais, un patrimonio impresionante para poñer en valor, de aí a importancia de dispor de recursos e flexibilidade para destinalos a aquelo que realmente ten importancia para os nosos concellos”.

Vilamartín de Valdeorras percibía apenas 77.000 euros anuais. Coa entrada en vigor do CooperOu pasa a recibir, tralas dúas modificacións de crédito que o PSdeG-PSOE negociou co grupo de goberno do PP, de outubro de 2023 e de abril de 2024, un total de 279.298 euros anuais. “Era necesario, pero fai falta que aínda sexa máis ambicioso, que o reparto vaia máis alá para abordar máis proxectos, que é o que sei están a loitar as miñas compañeiras e compañeiros”, sostén Enrique Álvarez.

Reparto de fondos sobre criterios obxectivos

“Sendo una reivindicación socialista de longa data, na que non deixamos de insistir e loitar, por fin neste 2024 a Deputación Provincial do PP rendeuse á evidencia de que non podía ser a única das galegas que non tiña un plan de cooperación cos concellos baseado nun reparto de fondos segundo criterios obxectivos”, explica o deputado provincial Aurentino Alonso. 

“É moi importante poder desenvolver proxectos necesarios para a veciñanza e o plan único aporta transparencia e certidumes, permitindo que os concellos saiban os recursos que lle tocan para vindeiros exercicios, pudendo organizar e planificar o mellor xeito de investir os cartos que chegan da Deputación”, conclúe Alonso.