AS E OS SOCIALISTAS RECLAMAN Á VALEDORA DO POBO QUE INTERCEDA ANTE A DECISIÓN “CAPRICHOSA” E “INCOMPRENSIBLE” DE JÁCOME, SEN INFORMES QUE A AVALEN, DE PECHAR OS PARQUES DE OURENSE ÁS 22.00 HORAS
“Requirimos información sobre a restrición, tanto nas Xunta de Área de MedioAmbiente como no pleno ordinario en e vía solicitude por rexistro. A resposta foi o silencio”, expón a secretaria xeral do PSdeG na cidade, Natalia González
Lembran, nesta liña, que xa se produciron os primeiros desaloxos dos parques e que nalgúns deles nin sequera estaba indicada a restrición horaria
Ourense, 8 de setembro de 2024. As e os socialistas do Concello de Ourense solicitaron á Valedora do Pobo que interceda ante a medida anunciada polo alcalde Gonzalo Pérez Jácome de restrinxir o uso horario dos parques e áreas deportivas públicas. Segundo o publicado na páxina web da Administración local, a partir de agora só se poderán empregar eses espazos entre as 08:00 e as 22:00 horas (nos meses de outubro a maio) e entre as 08:00 e as 23:00 horas (entre xuño e setembro).
“Requirimos información sobre esta orde de restrición, tanto nas Xunta de Área de Medio Ambiente como no pleno ordinario en rogos e preguntas e vía solicitude por rexistro. A resposta foi o silencio, afirmando o rexedor a inexistencia de informes que avalen esta decisión, nin se está debidamente planificada e sendo coñecedores de que non existe ningún decreto ou modificación de ordenanza municipal a tal efecto, así como a existencia dun déficit de efectivos do corpo da Policía Local para o cumprimento desta orde”, explica a voceira do PSdeG, Natalia González.
Cualifican as e os edís socialistas de “incomprensible” e “caprichosa” esta decisión e inciden en que debería ser consensuada coa oposición e a veciñanza, así como ir aparellada a “outras alternativas” e ofrecerse información “clara e concisa”. Todo elo tendo en conta, ademais, que xa se produciron os primeiros desaloxos dos parques e que nalgúns deles nin sequera estaba indicada a restrición horaria.
Así as cousas, a portavoz afirma que “se están a vulnerar os dereitos dos e das menores e existe unha ausencia de normativa municipal en canto á ocupación do espazo púbico e os horarios da mesma”, e considera urxente trasladar á Valedora do Pobo a necesidade de que se poidan adoptar “as medidas oportunas para corrixir ou regularizar esta situación á maior brevidade posible”.

