CONGRESO GOBERNO ESTATAL SENADO SOCIALISTAS OURENSÁNS NAS INSTITUCIÓNS

Transportes impulsa a modernización das telecomunicacións na liña de tren Ourense-Medina del Campo

O PSDEG-PSOE DE OURENSE SALIENTA QUE OS 24,8 MILLÓNS DE EUROS ADXUDICADOS PARA A MODERNIZACIÓN DA LIÑA DE TREN ENTRE MEDINA DEL CAMPO E OURENSE AMOSAN O COMPROMISO DO GOBERNO COAS INFRAESTRUTURAS FERROVIARIAS NA PROVINCIA

As e os socialistas poñen en valor un investimento “clave” para a mellora das comunicacións entre os trens e o posto de mando mediante radiotelefonía

Marga Martín e Rafa Villarino fan fincapé en que da man do PSOE “realizáronse millonarios investimentos en materia ferroviaria na provincia” e subliñan que “estamos ante inversións nunca antes vistas e que dan solución a anos de desleixo e abandono do PP”

Ourense, 11 de outubro de 2024. O PSdeG-PSOE de Ourense salienta que os 24,8 millóns de euros adxudicados polo Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostible para as obras de despregamento e mantemento das instalacións de telecomunicacións fixas e móbiles GSM-R na liña de ancho convencional Medina del Campo-Ourense “amosan o compromiso do Goberno coas infraestruturas ferroviarias”. As e os socialistas poñen en valor un investimento “clave” para a mellora das comunicacións entre os trens e o posto de mando mediante radiotelefonía que beneficiará ao transporte de mercadorías e viaxeiros da liña convencional.

A deputada no Congreso, Marga Martín Rodríguez, e o senador, Rafael Rodríguez Villarino, destacan que este investimento “permitirá modernizar e optimizar as instalacións da liña convencional entre Medina do Campo e Ourense, nos seus 338 quilómetros, mellorando notoriamente o servizo ferroviario”. Ambos coinciden en subliñar que “estamos ante unha nova mostra da importancia que ten para o Goberno do Estado, encabezado polo PSOE e por Pedro Sánchez, as infraestruturas ferroviarias da provincia de Ourense”.

Martín e Villarino fan fincapé en que dende a chegada ao Goberno do PSOE “realizáronse millonarios investimentos en materia ferroviaria na provincia” e subliñan que “estamos ante inversións nunca antes vistas e que dan solución a anos de desleixo e abandono por parte dos gobernos de Mariano Rajoy e o Partido Popular”. Neste senso as e os socialistas poñen en valor que este investimento “súmase a outros realizados durante os mandatos de Pedro Sánchez, como a finalización da conexión do AVE entre Madrid e Ourense, as obras da Variante Exterior, a modernización da liña entre Ourense e Monforte de Lemos, a estación da Gudiña ou a futura intermodal na capital da provincia”.

Os traballos contemplan tanto o despregamento do sistema de GSM-R como a súa integración nas instalacións comúns a outras liñas e o mantemento durante catro anos, unha vez posta en servizo. Neste senso cabe destacar que ao longo dos 338 quilómetros que unen Medina do Campo con Ourense instalaranse 37 emprazamentos con módulo de sistema e cabeza remota e 119 onde se situarán unidades remotas de radio que proporcionarán a cobertura radioeléctrica ao longo do trazado.

O sistema GSM-R (Global System for Mobile Communications Railways) é un modelo de radiotelefonía, escollido pola maior parte das compañías ferroviarias europeas, que proporciona os servizos para a comunicación entre as circulacións e o posto de mando. Este sistema permite ao maquinista do tren estar en contacto permanente co Centro de Regulación de Circulación (CRC) e é complementario cos sistemas de sinalización instalados de bloqueo automático con Control de Tráfico Centralizado (CTC).