Concello de Ourense Mobilidade SERVIZOS PÚBLICOS Transporte

Sinalamos que o novo prego para o servizo de transporte urbano supón unha oportunidade perdida e non atende ás necesidades actuais de mobilidade

AS SOCIALISTAS LAMENTAN A “OPORTUNIDADE PERDIDA” QUE SUPÓN O NOVO PREGO PARA O SERVIZO DE TRANSPORTE URBANO DO CONCELLO DE OURENSE E CRITICAN QUE NON SE TIVERAN EN CONTA “AS NECESIDADES ACTUAIS”

A voceira do PSdeG, Natalia González, cualifica a proposta publicada como un “baypass” que foi redactado de xeito “unilateral, sen participación veciñal e política” e no que nin se menciona a gratuidade prometida por Jácome

Despois decomezar a casa polo tellado coa adquisición dos novos 40 autobuses por 14 millóns de euros, a día de hoxe segue sen funcionar ao 100% a nova flota, moitos deles con avarías, outros como os trens das termas desaparecidos, sen estacións de recarga para os novos vehículos eléctricos”, critica

Ourense, 14 de outubro de 2024. Logo de coñecerse os pregos para a licitación do servizo de autobuses, dende o grupo municipal socialista critican que non responda ás expectativas e necesidades dos e das ourensás e que só se trate dun “baypass” que foi redactado de xeito “unilateral, sen participación veciñal e política”.

Neste senso, a voceira do PSdeG no Concello de Ourense, Natalia González, sinala que a proposta realizada supón unha práctica continuidade do anterior servizo “coas mesmas carencias e os mesmos retos por abordar” e constitúe “unha oportunidade máis perdida para a mellora real” dun medio de transporte que empregan, segundo os últimos datos, 5 millóns de viaxeiros anuais na cidade.

A improvisación e o caos son a tónica dominante para as e os socialistas nunha licitación que leva agardando máis de 10 anos e para a que se tivo tempo dabondo de elaborar unha mellor planificación. “Despois de que Jácome comezara a casa polo tellado coa adquisición dos novos 40 autobuses por 14 millóns de euros, a día de hoxe segue sen funcionar ao 100% a nova flota de vehículos, moitos deles con avarías, outros como os trens das termas desaparecidos, sen estacións de recarga por falta de previsión para os novos vehículos eléctricos e pagando do erario público naves de almacenamento externas por ser incapaces de poñelos en circulación nin saber xestionar previamente unhas novas instalacións de carácter municipal”, resume a portavoz e secretaria xeral do PSOE en Ourense.

Ademais, advirte de que a flota de vehículos no novo servizo será menor, pasando de 46 a 40 autobuses, máis 4 buses diésel herdados do anterior contrato e cos 2 trens turísticos para a ruta das termas que non poderán concesionar coma servizo turístico, ao considerarse unha liña de transporte máis, e á espera de novos vehículos despois de meses sen funcionamento. “Mantense o actual mapa de liñas, coa incorporación da nova 6 que fulminou a 6A e 6B para converterse nun bus turístico de longa duración que para en Os Remedios, á agarda de que nos vindeiros 5 anos se poida recortar 9 liñas das 27 actuais”, afirma sobre os pregos aos que terá que atender a empresa concesionaria.

No que respecta ao prezo que os viaxeiros deberán aboar tampouco haberá variacións. As tarifas seguirán igual para o billete ordinario e tarxetas de viaxe. “Seguimos á espera da proposta de implantación da gratuidade total do servizo de transporte urbano en Ourense que xa estaría, segundo o que repetiu en varias ocasións o alcalde, en xaneiro deste ano”, critica a socialista á vez que recorda que é o goberno de España o que “segue a cofinaciar unha parte importante do billete ordinario, rebaixado grazas á aposta pola mobilidade sostible do executivo liderado por Pedro Sánchez”.

Engade, por outra banda, que continúase precisando novas instalacións para gardar a flota de vehículos e situar estacións de recarga eléctrica e que no que atinxe ás frecuencias “só se reducen os tempos en 5 liñas e a priori o resto seguirá contando cos mesmos tempos de espera”.

Tampouco coñecen as e os socialistas se existen novidades no que respecta ao transporte metropolitano máis aló do que se contempla nos pregos. “Aparecen os dous intercambiadores na Alameda e na avenida Otero Pedrayo que históricamente xa funcionan como tal e que seguirán a ser nodos de conexión e enlace coas liñas externas que chegan á cidade”, remata lamentando.