Concello de Ourense Sanidade

Esiximos que aumente a contía económica do convenio municipal con Progape para o ano 2025

O GRUPO MUNICIPAL SOCIALISTA ESIXE AO GOBERNO DE JÁCOME QUE AUMENTE A CONTÍA ECONOMICA DO CONVENIO CON PROGAPE PARA O ANO 2025 E MELLORE AS CONDICIÓNS DO MESMO

A edil Alba Iglesias, explica que as e os socialistas esixen ao executivo de Gonzalo Pérez Jácome “respostas claras e información sobre a situación de Progape” que “se enfronta a unha falta de apoio económico que lle impide realizar o seu labor en condicións dignas

As e os edís do PSdeG entenden que é necesario crear unha rede estable de voluntariado que poida colaborar asiduamente e de xeito constante coa protectora e promover e facilitar activamente as adopcións de animais

Ourense, 19 de outubro de 2024. Durante as Xuntas de Área que tiveron lugar esta semana no Concello de Ourense a voceira do PSdeG, Natalia González, solicitou a copia da acta da recente reunión da comisión de seguimento do convenio municipal con Progape. E, ademais, insistiu en saber se o goberno local ten algunha decisión tomada ao respecto da renovación do mesmo, a nova contía que se destinará ou a posibilidade de cambiar de emprazamento a canceira en próximas datas. A contestación da responsable da carteira de Saúde, Noa Rouco, foi a mesma que en anteriores reunións: ata que teña unha resolución en firme non vai respostar.

Neste senso, a edil Alba Iglesias, explica que as e os socialistas esixen ao executivo de Gonzalo Pérez Jácome “respostas claras e información sobre a situación de Progape” que, ano tras ano, “se enfronta a unha falta de apoio económico que lle impide realizar o seu labor en condicións dignas”. Subliña que os recursos que reciben desde o Concello “non son suficientes para cubrir as necesidades básicas dos animais que acollen” e que “precisan melloras urxentes nas instalacións”.

Mais non sería suficiente só coa mellora económica. As e os edís do PSdeG entenden que é necesario crear unha rede estable de voluntariado que poida colaborar asiduamente e de xeito constante coa protectora e promover e facilitar activamente, dende a Administración local, as adopcións de animais. “Reclamamos que o goberno de Democracia Orensana actúe axilmente e saque adiante un convenio renovado con Progape que garanta compromisos claros de mellora en comparación coa situación actual”, defende.

Así as cousas, como secretaria xeral das Xuventudes Socialistas de Ourense, incide en que “o compromiso co benestar animal” debe ser unha prioridade e que por elo dende a entidade organizan iniciativas como o recente torneo benéfico de futbolín. Pero que cómpre ir un paso máis aló da solidariedade e apostar pola defensa dos dereitos animais no eido institucional. “Cremos firmemente que a sociedade debe implicarse máis na protección e o coidado dos animais, e que as administracións teñen que asumir a súa parte de responsabilidade. Apostar pola adopción e o benestar animal non é unha opción, é unha necesidade”, remata incidindo.