Deputación de Ourense INICIATIVAS POLÍTICA PROVINCIAL

Acadamos o apoio unánime para incentivar convenios dos establecementos socio-sanitarios cas famarcias do rural

VOTO FAVORABLE E UNÁNIME Á MOCIÓN SOCIALISTA A PROL DAS FARMACIAS

A iniciativa socialista a prol das farmacias do rural ourensán para que os establecementos socio-sanitarios compren medicamentos en farmacias do seu concello acadou o voto favorable de todos os grupos

Ourense, 25 de outubro de 2024. O Grupo Provincial Socialista tamén acadou o apoio de todos os grupos do Pleno para incentivar e facilitar a conclusión de convenios para que os establecementos socio-sanitarios ourensáns compren os medicamentos en farmacias do seu propio concello.

Para glosar a “dramática situación” das farmacias rurais os socialistas cederon o turno de presentación da Moción a Elena Álvarez, farmacéutica dos Peares. Álvarez abondou na “situación crítica” do seu establecemento, a “nula axuda das administracións concernidas”, destacou que ningunha das residencias do concello merca no seu establecemento e o impacto negativo das ausencias prolongadas do médico dos Peares, concluíndo que “de seguir así, en xaneiro verémonos na obriga de pechar”.

“Precisamos artellar medidas que melloren as condicións destas, facéndoas viables e estables economicamente, estimando que a solución proposta polo noso grupo é a máis realista e que pode ter un meirande efecto no curto prazo”, destacou Marina Vaz, deputada socialista.

“Porque, na súa condición de servizo esencial, as farmacias rurais contribúen a paliar o éxodo cara cidades e vila, axudando a súa mera existencia a reter aos residentes, sobre todo ás persoas maiores e quen dependen de atención e seguimento médico constante, cooperando á sustentabilidade destas pequenas comunidades”, sentenzou Vaz.