Deputación de Ourense INICIATIVAS POLÍTICA PROVINCIAL

Impulsamos a disolución do Inorde

O GRUPO PROVINCIAL SOCIALISTA CONSEGUE O APOIO MAIORITARIO DO PLENO DA DEPUTACIÓN PARA A DISOLUCIÓN DO INORDE

O Instituto Ourensán de Desenvolvemento Económico (Inorde), “non ten autonomía financeira, nin administrativa, nin operativa, dependendo absolutamente da Deputación”, dixo o voceiro do PSOE

“O Inorde non é actor protagonista do desenvolvemento e a súa disolución aspira a modernizar a administración, evitar duplicidades e ser máis eficientes e transparentes”, destacou Álvaro Vila

Ourense, 25 de outubro de 2024. O Grupo Provincial Socialista logrou o apoio do groso de deputados no Pleno na Deputación de Ourense para a disolución do Instituto Ourensán de Desenvolvemento Económico (Inorde).

Coa única oposición do PP e o grazas ao voto favorable de BNG e DO, aprobouse a iniciativa socialista para acabar co Instituto e que “a Corporación Provincial asuma as súas pretendidas misións e proxectos”, afirmou o voceiro do PSdeG-PSOE, Álvaro Vila.

Segundo este, “malia que o Inorde preséntase coma organismo autónomo, na práctica non conta con autonomía financeira, nin administrativa, nin operativa, dependendo das liñas directrices marcadas desde o Pazo Provincial”. “Non ten sentido o mantemento de tal estado de cousas, sendo o máis razoable e eficiente a integración do Instituto nos diferentes departamentos e servizos da propia Deputación”, engadiu Vila.

“Xunto coa carencia de autonomía e o redobramento da acción da Corporación Provincial, o Instituto tampouco é modelo de eficacia nin transparencia”, engadiu Vila. O político socialista abondou en fitos da ineficacia administrativa, desperdicio de recursos, rixideces organizativas, eivas na coordinación e opacidade na decisión e xestión do Instituto. “Esta realidade fai que o Instituto non sexa nin de lonxe unha entidade protagonista no desenvolvemento provincial”, conclúe Vila.

“A disolución do INORDE aspira a modernizar a administración provincial, introducir mellores prácticas no seu cotiá, centralizar servizos para evitar de duplicidades e reducir estruturas, que sexan moito máis eficientes economicamente e, sobre todo, transparentes a ollos da cidadanía de Ourense”, debullou o voceiro do Grupo Provincial Socialista.

A proposta socialista contempla a eliminación dos cargos políticos e a integración do persoal do Inorde “nos departamentos acaídos da Corporación Provincial, en función dos seus perfís e experiencia profesional”.