Concello de Ourense SERVIZOS PÚBLICOS Xunta

Reclamaremos cunha moción que a Xunta se comprometa a que o CAPD de Ourense sexa de xestión pública e directa

O PSDEG LEVARÁ AO PLENO DE NOVEMBRO UNHA MOCIÓN PARA INSTAR Á XUNTA DE GALICIA A GARANTIR A XESTIÓN PÚBLICA E DIRECTA DO NOVO CAPD DE OURENSE

Natalia González Benéitez reitera a loita que dende hai máis de 8 anos veñen realizando as familias para que Xunta poña en funcionamento o centro de titularidade e xestión pública, tal e como acontece no resto de provincias galegas, e que así Ourense deixe de estar “desatendida e ninguneada”

Carmen Rodríguez Dacosta insiste ao executivo de Rueda en que os “10 millóns de euros de todos os galegos e galegas» investidos no centro non se «regalen a unha empresa privada” e reclámalle á conselleira de Política social, Fabiola García, que “dea a cara e fale claro”

Ourense, 27 de outubro de 2024. O PSdeG-PSOE insta á Xunta de Galicia a garantir a xestión pública e directa do novo centro de atención para persoas con discapacidade de Ourense (CAPD). As e os socialistas farán esta petición a través dunha moción no vindeiro pleno de novembro no Concello de Ourense; ademáis de presentar no parlamento galego unha batería de preguntas ao goberno autonómico apoiando así as reivindicacións que veñen realizando dende hai anos as familias dos usuarios e usuarias das futuras instalacións.

Pola súa banda, a voceira do grupo municipal socialista, Natalia González Benéitez, reitera a loita que dende hai máis de 8 anos veñen realizando as familias para que Xunta construise o centro e que reclama que agora o poña en funcionamento dentro das características de titularidade e xestión pública, tal e como acontece no restos de provincias galegas, e que así Ourense deixe de estar “desatendida e ninguneada”.

As e os socialistas insisten en que dende a plataforma ProCAPD levan loitando polos dereitos dos seus fillos e fillas a recibir a atención pública e de calidade nun centro preto das súas casas, sen ter que desprazarse fóra da provincia, e defenden que sexa en igualdade de condicións que nas outras tres provincias de Galicia onde si que hai centros de xestión pública directa e non a través de empresas privadas.

No mesmo senso, a deputada socialista no parlamento, Carmen Rodríguez Dacosta, insiste ao executivo de Rueda en que non permitirán “que os 10 millóns de euros de todos os galegos e galegas», investidos nunhas instalacións que xa que están construidas e equipadas, «se lle regalen a unha empresa privada» e reclámalle á conselleira de Política Social, Fabiola García, que “dea a cara e fale claro” sobre a “xestión pública e directa” do centro que as e os socialistas seguirán reclamando para que Ourense “non sexa discriminada”.