Concello de Ourense Economía

Insistimos na urxencia duns novos orzamentos para licitar as concesións en precario que supoñen un doble custo para a cidadanía

AS E OS SOCIALISTAS DO CONCELLO INSISTEN NA URXENCIA DE SACAR ADIANTE UNS NOVOS ORZAMENTOS PARA LICITAR AS CONCESIÓNS EN PRECARIO QUE SUPOÑEN UN DOBLE CUSTO PARA A CIDADANÍA

Sinalan dende o PSdeG que o PP e DO son os responsables de que a concesión do servizo de autobuses supuxera, dende o 2015, un “pufo” de 18 millóns de euros pagado co diñeiro da veciñanza

O executivo tampouco ten proxectado un plan estratéxico de subvencións, nin é quen de incrementar a participación nos tributos do Estado mediante melloras do fondo de financiación, nin se adheriu aos mecanismos de plan de pago existentes desbotando por completo a posibilidade de obter ingresos para as arcas públicas

Ourense, 7 de novembro de 2024. A nova modificación orzamentaria (25P), por máis de 16 millóns e medio de euros, que o goberno de Democracia Orensana anunciou non é máis que outro exemplo da nula planificación orzamentaria que está a levar a cabo, segundo as e os edís do grupo municipal socialista poñen de manifesto. “Isto é algo do que vimos avisando hai moito tempo e ter as concesións en precario implica que non se poda esixir unha prestación dos servizos adecuada e eficiente”, puntualizan.

Neste senso, aclaran que o proceder caótico do executivo de Gonzalo Pérez Jácome supón un doble gasto para o Concello porque fai que se teñan que pagar os contratos en precario sen que se presten os servizos en boas condicións e porque as empresas están no seu dereito de reclamar os intereses de demora, por non pagar as facturas que se presentan por riba do prezo do contrato en precario pero conforme ao prezo de mercado actual.

A toda elo é preciso engadir, segundo as e os socialistas subliñan, que a situación económica da Administración local é caótica porque o executivo tampouco ten proxectado un plan estratéxico de subvencións, nin é quen de incrementar a participación nos tributos do Estado mediante melloras do fondo de financiación, nin se adheriu aos mecanismos de plan de pago existentes desbotando por completo a posibilidade de obter ingresos para as arcas públicas.

Tampouco ten, advirten dende o PSdeG, os ingresos necesarios para cubrir os gastos e a lexislación non permite que os servizos sexan deficitarios, pero isto non obriga a subir os impostos. “É ilóxico que o alcalde diga que ten que subir as taxas do lixo ou da auga mentres anuncia que vai a eliminar as do transporte público”, subliñan as e os edís socialistas sobre a incoherente xestión orzamentaria actual.

“O único do que presume o rexedor é de baixar o IBI, que consiste nunha medida fiscal que favorece ás clases medias-altas, en lugar de ás rentas normais, á vez que perxudica aos ingresos do Concello de Ourense”, destacan sobre a política económica de DO. E lembran que non poderá sacar adiante as licitacións en precario sen uns orzamentos actualizados.

“Moitas das facturas que van facendo aumentar o periodo medio de pago a provedores correspóndense coas grandes concesións en precario, como o alumeamento, a limpeza ou o lixo, por poñer algúns exemplos”, afirman sobre unas débedas que dende 2015 xa sumaron, no caso concreto do transporte urbano, 18 millóns de euros pagados co diñeiro de toda a veciñanza.