Concello de Ourense INICIATIVAS ourense

Conseguimos que se aprobe instar á Xunta de Galicia para que o CAPD de Ourense sexa de xestión pública e directa

O GRUPO SOCIALISTA DO CONCELLO DE OURENSE CONSEGUÍU QUE SE APROBE A SÚA MOCIÓN PARA QUE A XUNTA DE GALICIA SE COMPROMETA A QUE A XESTIÓN DO CAPD SEXA PÚBLICA E DIRECTA

O Partido Popular e Democracia Orensana abstivéronse, volvendo a deixar no aire o primeiro que se cumpra o compromiso asinado coas familias en 2016 por todas as formacións políticas

“Non piden nin máis nin menos do que xa teñen o resto de provincias e cidades de Galicia”, destacou durante a defensa da moción a voceira do PSdeG, Natalia González

Ourense, 8 de novembro de 2024. O grupo municipal do PSdeG no Concello de Ourense vén de conseguir que se aprobe a súa iniciativa (coa abstención do PP e DO) para instar ao executivo autonómico da Xunta de Galicia para que a xestión do CAPD (Centro de Atención a Persoas con Discapacidade) sexa pública e directa, con profesionais da Administración.

Natalia González Benéitez, voceira dos e das socialistas, reivindicou a loita que dende hai máis de 8 anos están a protagonizar as familias para que o goberno, antes dirixido por Feijóo e agora por Rueda, construíse as instalacións e que se comprometese a poñelas en funcionamento dentro das características mencionadas. “Non piden nin máis nin menos do que xa teñen o resto de provincias e cidades de Galicia”, destacou durante a defensa da moción.

“As e os futuros usuarios deste centro merecen recibir unha atención pública e de calidade preto das súas casas, sen ter que desprazarse como acontece actualmente, fóra da provincia e non podemos deixar de defender que, ademais, esa atención se dea en igualdade de condicións que nas outras tres provincias con xestión pública directa e non a través de empresas privadas”, incidiu ante as reiteradas evasivas do executivo autonómico ao respecto.

Neste senso, explicou que cando as persoas dependentes con discapacidade física, psíquica e/ou sensorial rematan a etapa escolar teñen 21 anos e para elas o CAPD vai ser para o resto da súa vida. “Merecen un centro cunhas instalacións dignas e adaptadas as súas necesidades que integre centro residencial, centro de día e prazas de respiro familiar, tal e como respaldaron todas os partidos políticos o 19 de setembro de 2016”, insistiu.

Non lograron as e os socialistas que saíse adiante a súa proposta para que o alcalde recúe na restrición horaria dos parques e instalacións deportivas municipais ao aire libre ao votar en contra DO e absterse o PP. “Non existen informes que avalen esta decisión, nin está debidamente planificada e sendo coñecedores de que non existe ningún decreto ou modificación de ordenanza municipal a tal efecto, así como a existencia dun déficit de efectivos do corpo da Policía Local para o posible cumprimento efectivo desta orde”, recriminou a portavoz na súa defensa ao alcalde, Gonzalo Pérez Jácome.

E expuxo que para as e os edís do grupo do PSdeG resulta “incomprensible que este tipo de decisións caprichosas se tomen e apliquen de xeito unilateral no canto de ser consensuadas co resto de formacións políticas e coa veciñanza”. E recordou que o axeitado sería, ademais, que foran aparelladas “de outras alternativas e ter información clara e concisa de onde ou quen vai ter a responsabilidade para o seu cumprimento de ser preciso.

Sobre os servizo de transporte urbano a edil e secretaria xeral de Xuventudes Socialistas, Alba Iglesias, recriminou ao rexedor que non se baixe do seu “Peugeot mostaza” para comprobar que “a frustración é evidente e forma parte do día a día da xente en Ourense” que utiliza o autobús. “Se non me cre, convido ao alcalde a que suba nun bus urbano para vivir unha multiaventura interactiva. O transporte público nesta cidade nunca foi unha marabilla, pero hoxe estamos peor que nunca”, criticou.