O PSDEG-PSOE DE OURENSE LEVA AO PARLAMENTO A SITUACIÓN DO CENTRO DE SAÚDE DO BARCO, QUE QUEDOU SEN PEDIATRAS NO MES DE OUTUBRO, DEIXANDO A ATENCIÓN SANITARIA DAS CRIANZAS DO MUNICIPIO NUNHA SITUACIÓN “CRÍTICA”
As e os socialistas esíxenlle ao goberno galego que “garanta a calidade asistencial” no centro de saúde do Barco, solucionando a falta de cobertura das prazas de pediatría e cubrindo as dúas asignadas ao centro
Carmen Dacosta relata que “a situación xa foi posta en coñecemento do goberno galego con anteriores iniciativas, na que alertábamos da xubilación do pediatra que prestaba atención sanitaria a máis de 2.000 nenos e nenas, pero non se buscaron solucións”
O Barco de Valdeorras, 19 de novembro de 2024. O PSdeG-PSOE de Ourense leva ao Parlamento de Galicia a situación do centro de saúde do Barco, que quedou sen pediatra no mes de outubro, deixando aos pais e nais nunha situación “crítica” para a atención sanitaria das súas crianzas. As e os socialistas esíxenlle ao goberno galego que “garanta a calidade asistencial” no centro de saúde do Barco, solucionando a falta de cobertura das prazas de pediatría e cubrindo as dúas asignadas ao centro.
O Barco de Valdeorras segue a sufrir a política “discriminatoria” do Partido Popular en materia sanitaria e dende outubro o centro de saúde do municipio quedou sen pediatra, trala xubilación do mesmo. As manifestacións e concentracións de protesta dos pais e nais multiplicáronse nas últimas semanas, pero tal e como sinalan as e os socialistas “a situación segue sen resolverse, provocando grandes eivas na atención sanitaria dos cativos e cativas”.
A deputada do PSdeG-PSOE de Ourense no Parlamento de Galicia, Carmen Rodríguez Dacosta, vén de presentar unha proposición non de lei na que insta ao goberno galego a garantir a calidade asistencial no centro de saúde do Barco. A parlamentaria socialista aproveitará para preguntar en comisión “cando ten previsto a Xunta solucionar esta problemática?”, unha vez xubilado o único pediatra activo no centro de saúde. Neste senso tamén porá o foco na necesidade de “facilitar a chegada de profesionais sanitarios a comarca de Valdeorras”.
Tal e como relata a representante socialista ourensá no Parlamento “a situación xa foi posta en coñecemento do goberno galego con anteriores iniciativas, na que alertábamos da xubilación do pediatra que prestaba atención sanitaria a máis de 2.000 nenos e nenas”, pero tal e como apunta “o goberno galego non fixo nada para buscar solucións”. Rodríguez Dacosta esíxelle ao Sergas “unha solución urxente para os pais e nais que agardan que os seus fillos e fillas sexan valorados por un profesional da sanidade pública para que conten cunha calidade asistencial adecuada”.
Tal e como relata Carmen Rodríguez Dacosta “a situación ven de lonxe, xa que en xuño de 2022 o centro de saúde contaba con dúas consultas de pediatría, ocupadas por dous pediatras, pero ese mesmo ano un dos pediatras xubilouse”. Ante esta situación, o Sergas decidiu que unha médica de familia con formación de puericultora ocupara a praza da pediatra xubilada ata que a comezos de 2024 abandonou a praza para trasladarse a localidade de Sobradelo, onde exerce de médico de familia, quedando dende entón só unha consulta en funcionamento.
Cabe lembrar que no DOG do 18 de marzo de 2024 publicouse a Resolución do 29 de febreiro de 2024 da Dirección Xeral de Recursos Humanos polo que se nomea persoal fixo e a adxudicación definitiva dos aspirantes seleccionados no proceso selectivo. Para o Centro de Saúde do Barco adxudícase unha praza de pediatría, pero o pediatra renuncia e non se incorpora, rematado xa o prazo de toma de posesión. En outubro, ca xubilación do outro pediatra, o centro de saúde quedou sen profesionais sanitarios.
Ante esta situación, as e os socialistas piden que se repoñan as dúas prazas pediátricas do centro de saúde e que se garanta a calidade asistencial das crianzas do municipio.

