AS E OS SOCIALISTAS ESIXEN AO ALCALDE COÑECER INFORMES QUE AVALEN A SUPRESIÓN DA ORA E CAL É A ALTERNATIVA DE APARCAMENTO QUE PROPÓN O GOBERNO MUNICIPAL
“A día de hoxe, e pese a ser unha intención que xa manifestou en anteriores ocasións, descoñecemos as alternativas de aparcamento que se propoñen nin se existen informes que avalen a eliminación do servizo”, expuxo a voceira do PSdeG no Concello de Ourense, Natalia González
“E o que é máis importante –continou explicando– non sabemos que vai acontecer con eses 13 traballadores e traballadoras que levan anos no servizo e aos que se deberían ter en conta antes de tomar unha decisión firme”
Ourense, 26 de novembro de 2024. As e os edís o grupo municipal socialista insisten en reclamar ao goberno de Gonzalo Pérez Jácome máis información sobre o que suporía suprimir o servizo da ORA, tal e como xa fixeron nos anteriores anuncios do alcalde sobre o mesmo asunto. “A día de hoxe, e pese a ser unha intención que xa manifestou en anteriores ocasións, descoñecemos as alternativas de aparcamento que se propoñen nin se existen informes que avalen a eliminación do servizo”, expuxo a voceira do PSdeG no Concello de Ourense, Natalia González.
“Tampouco sabemos o impacto económico que pode ter nas arcas públicas ou as responsabilidades contractuais que a Administración local ten coa empresa ata o de agora concesionaria do servizo”, insistiu logo de que esta mañá se trasladase, a través dunha nota de prensa, a intención do rexedor de eliminar a ORA a partir de xaneiro do ano 2025.
“E o que é máis importante –continou explicando– non sabemos que vai acontecer con eses 13 traballadores e traballadoras que levan anos no servizo e aos que se deberían ter en conta antes de tomar unha decisión firme”.
Nesta liña, afirmou que a supresión da ORA é un debate actual aberto en moitas urbes, pero que resulta imprescindible abordalo dende todas as perspectivas, aportando solucións e de xeito planificado, medindo en todo momento as consecuencias que pode xerar. “Noutras cidades tomouse a decisión atendendo tamén a plans de mobilidade específicos e ofrecendo alternativas. Aquí, non. Aquí se trata dun capricho unilateral do rexedor que non pon sobre a mesa un plan B nin mide as consecuencias que poida ter”, rematou a portavoz dos e das socialistas lembrando que o PMUS leva anos nun caixón.

