O GRUPO PROVINCIAL SOCIALISTA IMPULSA UNHA INICIATIVA PARA A ACTIVACIÓN DE FORMA EFECTIVA E INMEDIATA DO PLAN EMERGOU E PREVER O POSIBLE RISCO DE INUNDACIÓNS NA PROVINCIA
As e os socialistas tamén sacan adiante unha moción para a activación “efectiva e inmediata” do Plan EmergOU fronte ao risco de inundacións na provincia
“O Plan quedou en mera propaganda e, case dous anos despois da súa posta en marcha, a prevención segue a ser unha urxencia na provincia”, subliñou a deputada socialista Elvira Lama
Ourense, 29 de novembro de 2024. Co voto favorable dos grupos provinciais, o Grupo Socialista sacou adiante unha iniciativa para a activación “efectiva e inmediata” do Plan EmergOU que, aprobado inicialmente en xaneiro de 2023, pretendía “dar resposta ás necesidades dos concellos afectados por riadas, inundacións e desprendementos causados polas chuvias”.
“O Plan quedou en mera propaganda e, case dous anos despois da súa posta en marcha, a prevención segue a ser unha urxencia na provincia”, subliñou a deputada socialista Elvira Lama. Segundo esta, “con tantas ferramentas ao dispor, a Deputación debe velar polo acaído funcionamento dos mecanismos de información e prevención para evitar males maiores”.
A proposta socialista tamén contempla que a corporación provincial se implique activamente e colabore cos concellos ourensáns de risco “medio-baixo” de inundacións que aínda non dispoñan dun plan de actuación na materia. Na provincia de Ourense uns 7.000 inmobles están construídos en zona inundable, revestindo perigo “medio-baixo” até 13 municipios (A Rúa, Barbadás, Beade, Carballeda de Avia, Cenlle, Leiro, Monterrei, O Barco de Valdeorras, Ribadavia, Verín, Vilamartín de Valdeorras e Xinzo de Limia).
Asemade, a demanda do grupo socialista, o groso do pleno acordou solicitar da Xunta de Galicia a súa “implicación económica e técnica” para a redacción dos Plans de Risco de Inundación Municipal nos concellos ourensáns, así como para o desenvolvemento destes a través da posta en marcha de programas e cursos formativos para o persoal dos distintos niveis de intervención en emerxencias a través da Academia Galega de Seguridade pública.

