concellos Denuncias

O PSOE de Punxín alerta do cambiazo nas obras da área termal do Bañiño

O PSDEG-PSOE DE PUNXÍN ALERTA DUN “CAMBIAZO” NAS OBRAS QUE SE ESTÁN LEVANDO A CABO NA ÁREA TERMAL DO BAÑIÑO E QUE NON SE AXUSTAN AO PROXECTO INICIAL

As e os socialistas consideran que esta situación pode provocar a perda da subvención da Xunta para esta actuación, xa que o que se está realizando non viña contemplado no proxecto inicial de obra

Lorena Peleteiro sinala que “o formigón, que non aparecía por ningunha parte no proxecto, está agora por todas partes” e apunta que “se construíu unha caseta que non figuraba nese proxecto inicial e botouse formigón nunha superficie que no proxecto figura en terra”

Punxín, 29 de novembro de 2024. O PSdeG-PSOE de Punxín alerta dun “cambiazo” nas obras que se están levando a cabo na área termal do Bañiño e que non se axustan ao proxecto inicial. As e os socialistas consideran que esta situación pode provocar a perda da subvención da Xunta de Galicia para esta actuación, xa que o que se está realizando non viña contemplado no proxecto inicial de obra.

Dende o grupo municipal socialista poñen o foco en que os permisos solicitados para realizar estas obras na área termal “tampouco se axustan ao proxecto” e recalcan que o concello “non ten notificación do cambio do proxecto”. Neste senso as edís socialistas subliñan que “os cambios son evidentes, como se poden comprobar ao achegarse a zona e non cadran co que viña reflexado no proxecto da obra”.

A voceira do PSdeG-PSOE en Punxín, Lorena Peleteiro Vázquez, sinala que “o formigón, que non aparecía por ningunha parte no proxecto inicial, está agora por todas partes”. A isto súmase, tal e como apunta a edil socialista “a construción dunha caseta que non figuraba nese proxecto inicial e o formigonado dunha superficie  que no proxecto figuraba en terra”.

Peleteiro Vázquez apunta a que as obras amosan unha “nova chapuza” na área termal do Bañiño, xa que segundo apuntan “non aportan solucións a problemática que se vive na zona”. A concelleira socialista pon o foco nas obras de canalización, xa que tal e como apunta “vese perfectamente que non van ser efectivas, pois a área termal segue totalmente encharcada e non soluciona esta grave problemática”.

Asemade, as concelleiras socialistas consideran que as obras “non se corresponden para nada co proxecto defendido polo PSdeG-PSOE” e sinalan que “nós creemos e apostamos por un proxecto máis ambicioso para a área termal do Bañiño, xa que consideramos necesario recuperar o proxecto que xa existe e que o grupo de goberno gardou nun caixón”. Dende o Grupo Municipal Socialista finalizan afirmando que “se fagan obras, nós non nos imos opor a iso, pero obras que se adapten ao que precisa Punxín”.