O PSDEG-PSOE DE VIANA DO BOLO DENUNCIA O “ELEVADO” CUSTO ECONÓMICO QUE LLE SUPÓN AS ARCAS MUNICIPAIS A CONVOCATORIA DE ATA TRES PLENOS NO ÚLTIMO MES
As e os socialistas cuantifican este gasto en 3.300 euros e consideran que “non son necesarias tantas convocatorias, xa que ben poderían concentrarse nunha única sesión”
Critican a convocatoria doutro pleno para este xoves ás 8 da mañá, xa que segundo apuntan “non é de recibo que se convoque en horario laboral e que se entregue a documentación con tan pouco tempo”
Germán García-Ávila amosa a súa “perplexidade” xa que un dos puntos da convocatoria do pleno do xoves, inclúe unha modificación de crédito, “na que se recolle o pago dunha débeda municipal a Alpixendra, a empresa encargada do servizo de axuda no fogar”
Viana do Bolo, 4 de decembro de 2024. O PSdeG-PSOE de Viana do Bolo denuncia o “elevado” custo económico que lle supón as arcas municipais a convocatoria de ata tres plenos (dous extraordinarios e un ordinario) no último mes. As e os socialistas cuantifican este gasto en 3.300 euros, que se abona por asistencia aos plenos aos concelleiros e concelleiras, e consideran que “non son necesarias tantas convocatorias, xa que ben poderían concentrarse nunha única sesión”.
Dende o grupo municipal socialista poñen como exemplo o pleno extraordinario convocado para a renuncia da número 2 do BNG, xa que segundo apuntan “estaba planificado un pleno ordinario 15 días despois, polo que era un asunto que podía agardar perfectamente, en lugar de convocarse un pleno con este único punto da orde do día”. As e os socialistas lembran que levan tempo denunciando esta situación, pero tal e como sinalan “o alcalde e o seu equipo de goberno segue despilfarrando cartos públicos con múltiples convocatorias plenarias”.
Asemade, dende o PSOE vianés tamén critican a postura do goberno municipal de realizar a convocatoria dun pleno extraordinario para este próximo xoves ás 8 da mañá. Neste senso, as e os socialistas consideran que “non é de recibo que se convoque o pleno en horario laboral” e poñen de manifesto que “tampouco é correcto que se nos entregue a documentación con tan pouco marxe”.
O voceiro do PSdeG-PSOE en Viana do Bolo, Germán García-Ávila Arias, explica que un dos puntos da convocatoria do pleno extraordinario deste xoves, inclúe unha modificación de crédito, “na que se recolle o pago dunha débeda municipal a Alpixendra, a empresa encargada do servizo de axuda no fogar”. O edil socialista subliña que “estamos perplexos ante este pago, xa que no último pleno, o alcalde recoñeceu publicamente e así consta en acta, que non se lle debía nada a empresa”.
García-Ávila Arias afirma que o goberno municipal do Partido Popular “segue optando pola falla de transparencia, negando débedas que semanas despois saen a luz e convocando numerosos plenos de forma inxustificada e que supoñen un importante custo económico para as arcas municipais”. O voceiro socialista pídelle ao goberno local que “cese con estas actitudes e abra as fiestras da casa consistorial a transparencia e o bo goberno”.

