O PSDEG-PSOE DE OURENSE CELEBRA A LICITACIÓN POR PARTE DO MINISTERIO DE TRANSPORTES DE 4,8 MILLÓNS DE EUROS PARA A HUMANIZACIÓN DA N-525 AO SEU PASO POR XINZO
As e os socialistas sinalan que “esta importante e necesaria actuación vai supoñer un antes e un despois na principal vía comunicación de Xinzo e transformará para sempre o urbanismo da vila”
Marga Martín e Rafa Villarino destacan que a licitación “é un paso máis para que Xinzo gañe en seguridade viaria, en zonas verdes e en espazos para os peóns, facilitando a mobilidade sostible”
“Este proxecto é o vivo exemplo de que da man do PSOE a transformación do urbanismo e a mellora da calidade de vida das persoas é unha realidade”, afirman Martín e Villarino
Ourense, 5 de decembro de 2024. O PSdeG-PSOE de Ourense celebra a licitación, por parte do Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostible, de 4,8 millóns de euros para as obras de humanización da N-525 ao seu paso por Xinzo de Limia. As e os socialistas sinalan que “esta importante e necesaria actuación vai supoñer un antes e un despois na principal vía comunicación de Xinzo e transformará para sempre o urbanismo da vila”.
A deputada no Congreso, Marga Martín Rodríguez, e o senador, Rafael Rodríguez Villarino, destacan que a licitación “é un paso máis para que Xinzo poida ver transformada a súa arteria principal de comunicacións, gañando en seguridade viaria, en zonas verdes e en espazos para os peóns e que faciliten a mobilidade sostible”. A e o representante do PSdeG-PSOE de Ourense nas Cortes Xerais tamén poñen de manifesto que este proxecto “é o vivo exemplo de que da man do PSOE a transformación do urbanismo e a mellora da calidade de vida das persoas é unha realidade”.
Dende o PSOE ourensán aproveitan para reivindicar “o traballo e o papel” da ex alcaldesa socialista, Elvira Lama Fernández, “impulsora durante a anterior lexislatura deste proxecto e a persoa, que xunto co seu equipo, foi quen de conseguir este investimento por parte do Goberno central. As e os socialistas tamén destacan que da man do executivo de Sánchez “Xinzo e a provincia de Ourense seguen recibindo investimentos nunca antes vistos” e lembran que “este é un Goberno comprometido cos ourensáns e as ourensás e así o amosan os datos e as inversións”.
Rafa Villarino e Marga Martín sinalan que o obxectivo deste proxecto “é potenciar o núcleo de Xinzo de Limia para que sirva como área de unión e desenvolvemento de actividades de ocio, recuperando espazo urbano e fomentando a mobilidade sostible e accesible a todos e todas”. Un proxecto que en palabras dos representantes socialista en Madrid “permitirá fomentar o desprazamento peonil, aumentar a mobilidade sostible e reducir o uso do vehículo particular nos pequenos desprazamentos na vila”.




A actuación, que se desenvolverá entre os puntos quilométricos 197 e 200 da N-525, “ten tamén como obxectivo a mellora da seguridade viaria, coa ampliación dos espazos peonís, o aumento de beirarrúas, a creación de zonas verdes ou dun carril bici, separando o tráfico rodado das zonas de uso peonil e ciclista”, afirman Martín e Villarino.
Esta actuación implica que, unha vez finalizadas as obras, o tramo da N-525 ao seu paso por Xinzo de Limia cederase ao concello. Cabe subliñar que esta intervención está financiada a través do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, dentro do programa de sustentabilidade, eficiencia enerxética e acción contra o ruído na Rede de Estradas do Estado.

