O PSDEG-PSOE DE OURENSE INFORMA DE QUE A FACENDA ALEMÁ RECLAMA AO COLECTIVO DE EMIGRANTES RETORNADOS IMPOSTOS DENDE O ANO 2017 POR MOR DE EIVAS E FALSAS INFORMACIÓNS
“Os casos denunciados que nos chegaron son de persoas que traballaron todas no sector público xermano, en ferrocarrís, correos, hospitais e concellos”, afirma Luís Gulín
“Todo ven motivado por unha información falsa que di que supostamente aquelas persoas que prestaron os servizos no sector público xermano están exentos de pagar impostos en Alemaña, ao ser residentes en España”, afirma Gulín
Ourense, 17 de decembro de 2024. O PSdeG-PSOE de Ourense, a través da área de emigracións, informa de que a facenda alemá reclama a emigrantes retornados impostos polas pensións dende o ano 2017. O secretario provincial de migracións recibiu nas últimas semanas varias peticións neste senso, despois de que estas persoas recibiran sancións.
Dende a secretaría provincial de migracións do PSdeG-PSOE de Ourense explican que varias persoas retornadas de Alemaña, perceptoras de pensións de xubilación dese país e residentes nas comarcas de Verín, A Limia e Celanova, foron requiridas pola Facenda alemá en pagar os impostos pendentes desde o ano 2017.
“Os casos denunciados que nos chegaron son de persoas que traballaron todas no sector público xermano, en ferrocarrís, correos, hospitais e concellos”, afirma o secretario provincial de migracións, Luís Gulín Iglesias, que tamén salienta que “as cantidades reclamadas non baixan dos 10.000 euros para os períodos 2017-2023 e nalgún caso chega aos 16.000 euros, ao ser a persoa afectada beneficiada de catro pensións alemás (dúas públicas, xubilación e viuvez, e dous similares privadas da empresa pública)”.
Tal e como explica Gulín Iglesias “todo ven motivado por unha información falsa que di que supostamente aquelas persoas que prestaron os servizos no sector público xermano están exentos de pagar impostos en Alemaña, ao ser residentes en España”. O secretario provincial de migracións tamén atopou casos nos que “o descoñecemento e a falta de información de estar obrigados a rexistrase no Finanzamt Neubrandenburg (Oficina tributaria encargada exclusivamente de fiscalizar as pensións alemás no exterior) para os que perciban por primeira vez unha pensión desde o 1 de xaneiro de 2015 e os que trasladen desde ese ano a súa residencia fiscal a Galicia, foi o motivo da sanción”.
Dende a área de migracións do PSOE ourensán lembran que o convenio para evitar a dobre imposición “establece claramente que aquelas persoas que foron persoal laboral no sector público xermano ou sendo funcionarios alí con nacionalidade española, as súas pensións alemás están suxeitas ao chamado imposto do 5 por cento”. Neste senso tamén apuntan que os funcionarios alemáns residentes en España, con pensión de xubilación xermana, “só declaran en Alemaña, non no país onde residen e neste caso en España están exentos de presentar a declaración da renda”.
“Nos casos mencionados as persoas ao saír a declaración da renda española a pagar poden facer unha rectificación da mesma para os anos 2020-2023, os anos 2017-2019 non son posibles de corrixir ao estar prescritos”, afirma Luís Gulín. A secretaria de provincial de migracións insiste unha vez mais que “non presentar nunca a declaración da renda alemá ante o chamado Finanzamt Neubrandenburg para os que perciben pensión de xubilación dese país, implica que a prescrición sexa de 7 anos, en lugar de 4”. Esta normativa rexe tamén aos que residían en Alemaña, realizaban a declaración da renda ante a súa oficina de Facenda local de alí, e logo dábanse de baixa para trasladarse a vivir a Galicia.

