O GRUPO PROVINCIAL SOCIALISTA ESIXE DA DEPUTACIÓN UN ROL ACTIVO NA “ACTIVACIÓN INMEDIATA” DO PLAN REITOR DO PARQUE NATURAL BAIXA LIMIA-SERRA DO XURÉS
“Case tres anos despois da súa adopción, os designios da Xunta para o parque permanecen no dique seco, en detrimento dos concellos do suroeste ourensán e de toda a provincia”, denuncia Álvaro Vila
O PSdeG-PSOE subliña as bondades dunha acaída xestión do parque, que redundaría en “impactos positivos” para o desenvolvemento económico, protección do patrimonio e calidade de vida da comarca
Os socialistas felicítanse da adhesión do resto de forzas na corporación provincial á moción a prol do CAPD porque “é de xustiza as familias poidan recibir un servizo público de calidade en Ourense”
Ourense, 18 de decembro de 2024. O Grupo Provincial Socialista demanda que a Deputación de Ourense xogue un rol activo para “a activación inmediata das disposicións sobre o plan reitor de uso e xestión do parque natural Baixa Limia-Serra do Xurés”. “Case tres anos despois da súa adopción, os designios da Xunta para o parque permanecen no dique seco, en detrimento dos concellos do suroeste ourensán e de toda a provincia”, denuncia Álvaro Vila, voceiro socialista na corporación provincial.
As disposicións contidas no Decreto 24/2022, do 3 de febreiro, sobre o devandito plan reitor, contemplan unha batería de medidas de uso, xestión, emerxencias, actuacións, seguimento e avaliación, organización e programa financeiro desta área xeográfica protexida. “Nada se ten posto en marcha a tal efecto até o de agora, cos prexuízos que esta inacción implica para Ourense, de aí que instemos á Deputación a exercer presión sobre a Xunta de Galicia e a súa Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda”, declara Vila.

Os socialistas subliñan que varias investigacións e instancias conclúen as bondades dunha acaída xestión do parque, que redundaría en “impactos positivos”. Entre outros, o PSdeG-PSOE evoca vantaxes para o desenvolvemento económico local, a protección do patrimonio natural e cultural, o incremento da calidade de vida, fixando poboación e mellorando infraestruturas e servizos básicos, e mesmo par a un mellor posicionamento da rexión con vistas á atracción de investimentos, tanto públicos coma privados.
O Grupo Provincial Socialista fai fincapé nos mecanismos de organización administrativa do Plan reitor. Vila denuncia que “nin tan sequera se activaron os órganos de dirección, xestión e xunta reitora que debe incluír a representantes autonómicos, da Deputación e os concellos de Bande, Lobeira, Muíños, Lobios, Entrimo e Calvos de Randín”. “Tamén urxe o desbloqueo dos investimentos do programa financeiro do Plan reitor desde 2022 para conservación, investigación, uso público e infraestruturas”, subliña o voceiro do PSdeG-PSOE.
O CAPD é de xustiza
O Grupo Provincial Socialista tamén presenta, de xeito conxunto co resto de forzas representadas no Pazo Provincial, unha moción para o apoio e xestión pública e directa do Centro de Atención a Persoas con Discapacidade (CAPD). “Trátase dunha demanda histórica do Partido Socialista na provincia de Ourense, de aí que felicitámonos do apoio suscitado pola iniciativa desta volta entre o resto de partidos”, sostén Elvira Lama, deputada provincial do PSdeG-PSOE.
Os socialistas mantiveron a súa posición desde que en setembro de 2016 agromou a reivindicación de nais e pais de nenas e nos con discapacidade na provincia de Ourense que, no marco la plataforma PROCAPD, viñan demandando un Centro Público de Xestión Pública e Directa como solución máis axeitada. Para Lama, “é de xustiza que as familias poidan ter ás súas fillas e fillos na provincia de Ourense, nun centro construído con fondos públicos xestionado directamente pola Xunta para recibir un servizo digno de calidade”.

