O GRUPO PROVINCIAL SOCIALISTA ACADA O ACORDO DO PLENO DA DEPUTACIÓN DE OURENSE PARA IMPULSAR O PLAN REITOR DO PARQUE NATURAL BAIXA LIMIA-SERRA DO XURÉS
“Case tres anos despois da súa adopción, nada está en marcha, o cal vai en detrimento dos concellos do suroeste ourensán e do resto da provincia”, lembrou o voceiro socialista, Álvaro Vila.
Vila evocou a “urxencia” de activar o devandito plan e puxo como exemplo de “parque ben xestionado” o de Somiedo, en Asturias, servindo este de “motor” para os municipios concernidos.
O pleno tamén aprobou unha moción conxunta para o apoio e xestión pública e directa do Centro de Atención a Persoas con Discapacidade (CAPD), que é “unha demanda histórica do PSdeG-PSOE”.
Ourense, 20 de decembro de 2024. O Grupo Provincial Socialista acadou apoio maioritario do pleno da Deputación de Ourense para impulsar o plan reitor do parque natural Baixa Limia-Serra do Xurés. O voceiro do PSdeG-PSOE, Álvaro Vila, lembrou que “case tres anos despois da súa adopción, nada está en marcha, o cal vai en detrimento dos concellos do suroeste ourensán e do resto da provincia”.
Vila evocou a “urxencia” de activar o devandito plan e puxo como exemplo de “parque ben xestionado” o de Somiedo, en Asturias, servindo este de “motor” para os concellos concernidos. “Hai estudos que conclúen que en parques naturais ben xestionados os empregos chegan a medrar entre un 10-30% en comparación con outras áreas rurais”, salientou o deputado socialista, facendo fincapé nos efectos perniciosos derivados do desleixo do plan reitor.
As disposicións contidas no plan reitor contemplan medidas de uso, xestión, emerxencias, actuacións, seguimento e avaliación, organización e programa financeiro desta área xeográfica protexida. Segundo Vila, “nada se ten posto en marcha a tal efecto até o de agora, cos prexuízos que esta inacción implica para Ourense, de aí que instemos á Deputación a exercer presión sobre a Xunta de Galicia e a súa Consellería de Medio Ambiente e cambio climático”.
“Urxe o desbloqueo dos investimentos do plan para conservación, investigación, uso público e infraestruturas”, subliñou o voceiro socialista. Vila tamén incidiu na perentoriedade na organización administrativa porque “nin tan sequera se activaron os órganos de dirección, xestión e xunta reitora que debe incluír a representantes autonómicos, da Deputación e os concellos de Bande, Lobeira, Muíños, Lobios, Entrimo e Calvos de Randín”.
Voto favorable para o CAPD
Na sesión plenaria tamén se produciu a aprobación dunha moción conxunta de todos os grupos para o apoio e xestión pública e directa do Centro de Atención a Persoas con Discapacidade (CAPD). “Trátase dunha demanda histórica do Partido Socialista na provincia de Ourense, de aí que felicitámonos do apoio suscitado pola iniciativa entre todos os grupos”, sostivo a deputada socialista Elvira Lama.
Os socialistas lembraron a súa posición a prol do Centro desde que agromou a reivindicación de nais e pais de nenas e nos con discapacidade na provincia de Ourense que, no marco la plataforma PROCAPD, viñan demandando un Centro Público de Xestión Pública e Directa como solución máis axeitada. Para Lama, “é de xustiza que as familias poidan ter ás súas fillas e fillos na provincia de Ourense, nun centro público xestionado directamente pola Xunta”.

