concellos GOBERNO ESTATAL INICIATIVAS

O PSOE de Xinzo reafirma o compromiso do Goberno co mosteiro de Trandeiras

O PSDEG-PSOE DE XINZO REAFIRMA O COMPROMISO DO GOBERNO CENTRAL NO INICIO DA SEGUNDA FASE DO PROXECTO DE RECUPERACIÓN DO MOSTEIRO DO BON XESÚS DE TRANDEIRAS 

Cos investimentos feitos esta propiedade municipal deixa de estar na lista vermella de monumentos en serio risco de desaparición, destrución e alteración esencial na que permanecía dende 2008

As e os socialistas subliñan que a aprobación do convenio entre a Confederación Hidrográfica Miño-Sil e o concello “supón unha gran nova para Xinzo, que permitirá por en valor un ben patrimonial único”

Lembran que a recuperación deste monumento “foi unha aposta do anterior equipo de goberno encabezado polo PSOE, que conseguiu materializar a primeira fase das obras, que contaron cun investimento de 717.000 €”

Xinzo de Limia, 10 de xaneiro de 2025. O PSdeG-PSOE de Xinzo de Limia celebra o compromiso do Goberno central no inicio da segunda fase do proxecto de recuperación do mosteiro do Bon Xesús de Trandeiras e que contará cun orzamento inicial de 920.000 euros e cunha financiación a dúas bandas entre a CHMS (85%) e o concello (15%) en tres anualidades.

Dende o grupo municipal socialista lembran que a recuperación deste monumento “foi unha aposta do anterior equipo de goberno encabezado polo PSOE”, xa que tal e como apuntan “foi no anterior mandato cando se conseguiu materializar a primeira fase das obras, que contaron cun investimento de 717.000 euros”. Unha fase, que en palabras das e dos socialistas “serviu para pór en valor un ben patrimonial, arquitectónico e cultural, que estaba na lista vermella de monumentos en serio risco de desaparición, destrución e alteración esencia dos seus valores dende o ano 2008 e que nunca foi merecente de atención por parte dos anteriores gobernos do PP”.

En abril de 2024, o PSdeG-PSOE de Xinzo presentaba unha moción, que foi aprobada en sesión plenaria, na que instaba ao concello a solicitar da CHMS o inicio da segunda fase das obras no mosteiro do Bon Xesús de Trandeiras. En decembro de 2024, o pleno acordou por unanimidade a aprobación do convenio entre a Confederación e Concello para financiar as obras de construción das infraestruturas hidráulicas e recuperar o cenobio do século XVI.

O grupo municipal socialista en Xinzo de Limia tamén lle pide ao goberno municipal “maior ambición”, apostando “pola elaboración dunha axenda de visitas e un horario de apertura do mosteiro, a fin de que poida ser visitado e preservado de posibles actos vandálicos”.

A voceira do PSdeG-PSOE en Xinzo, Elvira Lama Fernández, salienta que “gracias ao traballo do PSOE recuperaremos un ben patrimonial único para o noso municipio e potenciaremos as visitas ao mesmo”. A voceira socialista destaca os “importantes” investimentos que o Goberno central está levando a cabo en Xinzo, “gracias, principalmente a labor do anterior equipo de goberno municipal, que encabezamos, e que foi quen de lograr estes vitais investimentos para o noso concello”.

Dende o PSdeG-PSOE de Xinzo de Limia argumentan que “tódalas obras executadas, as redes de canalizacións de auga, as estancias e a historia do mosteiro ao longo dos séculos non debe quedar no esquecemento”. Elvira Lama subliña que “coa axuda dos arquitectos, arqueólogos e técnicos que participaron en tan importante reconstrución, débese continuar coa segunda fase, para a cal é de novo imprescindible a aportación e colaboración da CHMS”.