AS E OS SOCIALISTAS CONFIRMAN QUE O GOBERNO DE JÁCOME PRETENDE CAMBIAR A UNHA XESTIÓN DE PAGO A PISCINA DAS BURGAS E QUE AS OBRAS DE ACONDICIONAMENTO PRESENTAN EIVAS
“Non fixo máis que dar a razón ao que levamos meses denunciando en canto ás eivas detectadas trala execución das obras», explicou a portavoz do PSdeG no Concello de Ourense, Natalia González, despois dunha xunta de portavoces na que o alcalde trasladou que non se abrirán as instalacións proximamente
«A nosa impresión é que a súa decisión é froito da improvisación e vimos de pedir acceso urxente ao expediente para estudar toda a documentación minuciosamente antes de adoptar unha posición política ao respecto», incidiu
Ourense, 14 de xaneiro de 2025. Logo de que o alcalde de Ourense, Gonzalo P. Jácome, comunicase esta mañá ás portavoces dos grupos municipais a súa decisión de cambiar a xestión da piscina termal de As Burgas cara a un modelo de pago, a voceira do PSdeG, Natalia González, afirmou que o rexedor estaba a mentir novamente, o pasado pleno, cando anunciaba a apertura inminente das instalacións. «Non fixo máis que dar a razón ao que levamos meses denunciando en canto ás eivas detectadas trala execución das obras», aclarou a socialista.
O alcalde trasladou á oposición que a súa intención é incluir a explotación conxunta da piscina termal, os apartamentos turísticos, a taberna e o Centro de Interpretación das Burgas (CIB). «A nosa impresión, despois da xunta de portavoces, é que a súa decisión é froito da improvisación e vimos de pedir acceso urxente ao expediente para estudar toda a documentación minuciosamente antes de adoptar unha posición política ao respecto», incidiu a edil. «Polo de pronto non se encargou o informe económico preceptivo e vinculante para a tramitación administrativa da futura concesión», puntualizou sobre a situación a día de hoxe.
Tamén preguntou a portavoz do PSdeG polo informe encargado no mes de xullo de 2024, a ese efecto, a unha empresa de propaganda, sinalando o rexedor que era insuficiente e que será preciso solicitar outro. «A triste realidade é que a piscina termal seguirá pechada pola ineptitude do goberno de Democracia Orensana e non temos aínda nin sequera unha previsión para que poida materializarse a súa apertura», resumiu sobre o futuro a medio prazo.
Ademais, lembran dende o grupo municipal socialista que a finais do ano pasado xa informaron de eivas nas obras de acondicionamento das que o rexedor pretende desentenderse e que o rexedor expuxo, durante a reunión, que o Concello recepcionou a obra por estar correctamente executada. «Non obstante, este mediodía confirmousenos que serán precisas novas obras para impermeabilizar a piscina, obras que pretende incluír na futura concesión para que sexa a empresa adxudicataria a que asuma as mesmas», rematou a portavoz do PSdeG.

