POLÍTICA PROVINCIAL

O PP debe explicar o seu voto en contra ás medidas sociais impulsadas polo Goberno

O PSDEG-PSOE DE OURENSE ESÍXELLE Ó PP QUE DEA EXPLICACIÓNS PÚBLICAS AOS OURENSÁNS E ÁS OURENSÁS POLO SEU VOTO EN CONTRA AO REAL DECRETO LEI 9/2024, QUE PREXUDICA “GRAVEMENTE” Á PROVINCIA E Á CIDADANÍA 

Un decreto que segundo explican as e os socialistas buscaba adoptar medidas “urxentes” en materia económica, tributaria, de transporte e da seguridade social, ademais de prorrogar medidas para facer fronte a situacións de vulnerabilidade social

Marga Martín afirma que o PP “votou en contra de medidas importantísimas para a cidadanía, cun voto que fai máis pobres a pensionistas, estudantes e traballadores” e destaca que o PSOE “vai seguir loitando por un país máis xusto e solidario”

Rafa Villarino sinala que o PSOE “presentou un Real Decreto que é absolutamente necesario para as persoas e o PP quedou retratado e debe asumir as consecuencias do seu voto e decidir se elixe facer política para axudar as persoas ou para gañarlle terreo a VOX”

Ourense, 27 de xaneiro de 2025. O PSdeG-PSOE de Ourense esíxelle ao Partido Popular que saia a dar explicacións públicas aos ourensáns e as ourensás tras o seu voto en contra a pasada semana ao Real Decreto Lei 9/2024 e cuxa negativa prexudica “gravemente” á provincia e á cidadanía. Un decreto que segundo explican as e os socialistas buscaba adoptar medidas “urxentes” en materia económica, tributaria, de transporte e da seguridade social, ademais de prorrogar medidas para facer fronte a situacións de vulnerabilidade social.

O senador do PSdeG-PSOE de Ourense, Rafael Rodríguez Villarino, e a deputada no Congreso, Marga Martín Rodríguez, destacan que o voto en contra do PP, de Junts e de VOX “ten graves consecuencias para a cidadanía da provincia que lles outorgou o seu voto, especialmente ás deputadas e ao deputado do PP de Ourense”. Tal e como apuntan esta negativa “provoca a caída do escudo social” e acusan aos populares de “empregar argumentos falaces e falsos para xustificar un voto en contra inxustificable”.

A deputada no Congreso, Marga Martín Rodríguez, destaca que o Real Decreto Lei 9/2024 “era un documento que convalidaba medidas que conteñen avances e beneficios para a poboación, os pensionistas, a mocidade, os empresarios, as persoas en situación de vulnerabilidade e os afectados pola DINA ou o volcán da Palma”. Un decreto que en palabras da representante socialista da provincia na cámara baixa “busca mellorar a vida das persoas”, motivo polo que lle pide ao PP “explicacións ante un voto en contra que castiga ao país, a Galicia e a Ourense”.

Martín Rodríguez fai fincapé en que o voto en contra do PP “afecta a máis de 108.829 pensionistas da provincia que van deixar de cobrar 441 euros de media anuais, o que supón que non veñan para Ourense uns 48 millóns de euros”. Neste senso apunta a que o PP “deixou claro que o seu modelo de pensións sigue sendo o das subidas do 0,25 de Mariano Rajoy” e lembra que “xa son moitos anos votando en contra da revalorización das pensións”. Tamén pon o foco no salario mínimo interprofesional, que “co voto en contra do PP fará que 14.000 ourensáns e ourensás deixen de cobrar máis de 500 euros de media máis”. Con respecto ao ingreso mínimo vital, este voto en contra do PP “prexudica a máis de 10.000 persoas e no caso do bono social térmico a 14.574 vivendas na provincia”.

A deputada no Congreso non quere esquecerse tampouco dos traballadores e estudantes que utilizan a diario o transporte público “cunhas bonificacións que supuñan o coste cero do mesmo e que lles permitían viaxar gratuitamente entre Ourense e A Coruña en AVANT, tendo agora que pagar 440 euros ao mes polo mesmo recorrido”. Por último, Marga Martín afirma que o PP “votou en contra de medidas importantísimas para a cidadanía, cun voto que fai máis pobres a pensionistas, estudantes e traballadores, pero o PSOE vai seguir loitando por un país máis xusto e solidario no que todos e todas poidamos vivir mellor”.

Pola súa banda o senador do PSdeG-PSOE de Ourense, Rafael Rodríguez Villarino, destaca que a postura do PP “non é comprensible” e pon o foco no voto en contra “dunhas medidas que viñan a axudar e beneficiar a poboación en diferentes materias”. O secretario provincial das e dos socialistas ourensáns afirma que o PP “estaba nunha encrucillada, pois o voto a favor servía para amparar a un Goberno que queren derrocar e contra ao que sempre lle votan en contra das medidas sociais”.

Rodríguez Villarino apunta a que o PP “leva dende o primeiro momento empregando argumentos falaces, coma unha suposta subida do IVA da luz e dos alimentos, que lendo o Real Decreto Lei pode comprobarse que non existe”. Tamén subliña que “outra das mentiras é que favorece os okupas, cando o que fai é coidar das persoas en vulnerabilidade social e protexelas de desafiuzamentos e cortes de suministros”. Neste senso apuntou a que o PP “ten unha falta de humanidade e respecto total cara estas persoas”. Tamén destaca “as mentiras” en relación ao palacete propiedade do PNV ou as entregas a conta as comunidades, que co voto en contra do PP “fan que Galicia deixe de percibir máis de 700 millóns de euros”.

“Unha vez tomada a decisión, o PP empezou a experimentar un medo atroz polas consecuencias que lle veñen enriba deste voto en contra e decidiron levar o Senado mañá unha moción na que piden precisamente o que eles mesmos votaron en contra o pasado mércores”, indica Villarino. Por último, o senador socialista por Ourense destaca que o PSOE “presentou un Real Decreto que é absolutamente necesario para a industria e as persoas e o PP quedou retratado e debe asumir as consecuencias do seu comportamento e decidir se elixe facer política para axudar as persoas ou para gañarlle terreo a VOX”.

O voto en contra do PP ao Real Decreto 9/2024 supón:

  • Que máis de 108.829 pensionistas da provincia non vexan revalorizada a súa pensión conforme ao IPC e deixen de percibir unha media anual de 441 euros.
  • Que 10.902 persoas que cobran o Ingreso Mínimo Vital na provincia deixen de percibir 530 euros de subida nesta axuda.
  • Que máis de 10.000 ourensáns que cobran o salario mínimo interprofesional vexan como non se lles aumenta.
  • Que 10.950 persoas xa non poderán viaxar de xeito gratuíto nos AVANT entre Ourense e A Coruña tendo que abonar agora 440 euros mensuais.
  • Que Galicia deixe de percibir 702,2 millóns de entregas a conta para investimentos en Sanidade, Educación e Dependencia.
  • Que as persoas en risco de vulnerabilidade deixen de estar protexidas contra desafiuzamentos e cortes de subminístroos básicos coma a luz, a auga ou o gas.
  • Que queden sen efecto medidas de promoción de vivenda pública ou de cesión masiva de chan e inmobles públicos.