Deputación de Ourense INICIATIVAS POLÍTICA PROVINCIAL

Impulsamos unha iniciativa para a adopción de medidas fronte ao gas radón na provincia

O GRUPO SOCIALISTA NA DEPUTACIÓN IMPULSA UNHA INICIATIVA PARA A ADOPCIÓN DE MEDIDAS FRONTE AOS RISCOS ASOCIADOS AO GAS RADÓN NA PROVINCIA

Co apoio unánime do pleno, os socialistas tamén sacaron adiante unha moción para a adopción dunha estratexia “ampla e efectiva” para facer fronte aos riscos asociados ao gas radon en Ourense

“A Deputación ten que implicarse de xeito directo, coordinar as accións de desenvolver e colaborar con concellos e veciños que sofren o impacto directo do radon”, afirmou Aurentino Alonso

Ourense, 31 de xaneiro de 2025. Os socialistas sacaron adiante unha moción para a adopción dunha estratexia “ampla e efectiva” por parte da Deputación para facer fronte aos riscos asociados ao gas radon en Ourense. “É un problema que por desgraza abunda moito na provincia e sobre o cal, malia algún programa iniciado pola Xunta de Galicia, non hai información nin concienciación, se ben ten consecuencias directas sobre a saúde das persoas, estimando que non podemos agardar máis e que a corporación provincial debe buscar solucións”, estimou Aurentino Alonso, deputado do Grupo Provincial Socialista.

Segundo este, “os estudos confirman que na nosa provincia a presenza de chans graníticos e a concorrencia dun parque residencial antigo incrementa a concentración do radon no interior de vivendas e baixos”. Dos 92 concellos que hai na provincia de Ourense máis de 60 presentan elevadas cantidades de gas radon. “A inhalación prolongada do gas radon asociase con problemas de saúde importantes, nomeadamente un risco máis elevado de padecer cancro de pulmón, sendo a segunda causa principal deste andazo despois do tabaco”, explicou Alonso.

“A Deputación ten que implicarse de xeito directo, coordinar as accións de desenvolver e colaborar con concellos e veciños que sofren o impacto directo do radon”, dixo o deputado de Valdeorras. Segundo o socialista, “a corporación provincial debe abrir o debate entre a cidadanía, informar, concienciar e formar, amais de axudar na medida das súas posibilidades para levar a cabo as actuacións que tan necesarias son para atallar esta problemática o antes posible con vistas a salvagardar á saúde de veciñas e veciños”. A moción foi aprobada co apoio unánime de todos os grupos políticos da Deputación.