concellos Denuncias

O PP de San Cibrao oponse a un CAPD de xestión pública e directa

O PSDEG-PSOE DE SAN CIBRAO DENUNCIA QUE O PP ESTENDE AO MUNICIPIO A ACEPTACIÓN DA PRIVATIZACIÓN IMPOSTA NA XESTIÓN DO CAPD DE OURENSE IMPOSTA POLA XUNTA DE GALICIA

Consideran que o voto en contra do PP local “replica o do PP no Parlamento de Galicia, e anticipa a postura deste partido na Deputación, acabando coa simulación de empatía popular coas familias que levan máis de oito anos loitando”

Rafa Villarino explica que as declaracións da rexedora, Marta Nóvoa, durante o debate da moción presentada polos socialistas, “son inadmisibles”, xa que tal e como apunta “tildou de pobres, no senso de pobriñas, ás persoas con discapacidade polos coidados que precisan a causa do seu grao de dependencia”

“Posta a elixir entre as solicitudes das familias e a posición privatizadora do goberno popular da Xunta, a alcaldesa de San Cibrao non tivo dúbidas, e contradixo a posición que defendera na Deputación”, subliña Villarino

San Cibrao das Viñas, 31 de xaneiro de 2025. O PSdeG-PSOE de San Cibrao das Viñas denuncia que o PP estende ao municipio a aceptación da privatización na xestión do centro de atención a persoas con discapacidade de Ourense imposta pola Xunta. As e os socialistas denuncian que San Cibrao convértese da man de alcaldesa e demais edís populares, no primeiro concello ourensán que vota en contra da xestión directa e pública do CAPD no pleno municipal celebrado no día de onte.

Dende o grupo municipal socialista en San Cibrao recrimínalle ao PP a súa decisión, xa que tal e como apuntan “oponse ao votado o vinte de decembro na Deputación”, cando os deputados e deputadas provinciais de todos os grupos políticos, incluíndo a alcaldesa de San Cibrao, Marta Nóvoa, aprobaron por unanimidade unha moción de apoio á xestión pública e directa do CAPD de Ourense.

O voceiro do PSdeG-PSOE en San Cibrao das Viñas, Rafael Rodríguez Villarino, explica que as declaracións da rexedora, Marta Nóvoa, durante o debate da moción presentada polos socialistas, “son inadmisibles”, xa que tal e como apunta “tildou de pobres, no senso de pobriñas, ás persoas con discapacidade polos coidados que precisan a causa do seu grao de dependencia”. O edil socialista considera que “para situarse a carón das familias, hai que defender as solicitudes destas, e a empatía coas persoas con discapacidade debe xurdir da comprensión das limitacións e potencialidades do seu grao de dependencia e da solidariedade, en troques da superficialidade e dunha caridade caduca”.

Dende o PSOE de San Cibrao das Viñas consideran que o voto en contra do PP local “replica o do PP no Parlamento de Galicia, e anticipa a postura deste partido na Deputación e no resto de concellos da provincia, acabando coa simulación de empatía popular coas familias que levan máis de oito anos loitando pola igualdade de trato para as súas fillas e fillos”. Neste senso, as e os socialistas lembran que as nais e os pais das persoas con discapacidades “levan soportando dilacións constantes na construción do último CAPD de Galicia e tamén no relativo a xestión, que agora queda claro que non será pública e directa”.

“Posta a elixir entre as solicitudes das familias e a posición privatizadora do goberno popular da Xunta, a alcaldesa de San Cibrao non tivo dúbidas, e contradixo a posición que defendera na Deputación”, subliña Villarino. O voceiro do PSdeG-PSOE en San Cibrao considera que os argumentos empregados polo PP “están cheos de falacias e amosan a falla de escrúpulos total dun partido que atenta contra a imaxe pública de familias de persoas psicosocialmente vulnerables, mediante a filtración do delito execrable dunha persoa, que nin sequera é pai ou familiar de ningunha das persoas con discapacidade para as que se solicitan dereitos de coidado”.

Para Rafael Rodríguez Villarino a razón obvia da privatización “son os intereses políticos e económicos dunha xestión externa cuxa fiscalización é menor no que atinxe a gastos ou contratación de persoal”. Neste senso, finaliza afirmando que “esta filosofía política resulta acorde cos valores e principios do PP, segundo os que a responsabilidade dos problemas persoais recae nas familias que deben facerse cargo deles, e onde a caridade prima sobre a solidariedade e os dereitos”.