Concello de Ourense EDUCACION

Lamentamos que o goberno de Jácome fulminase a loita de mecos de entroido

AS E OS SOCIALISTAS LAMENTAN QUE O GOBERNO MUNICIPAL FULMINASE A TRADICIONAL LOITA DE MECOS NA QUE PARTICIPABAN 300 NENOS E NENAS DE DIFERENTES CENTROS EDUCATIVOS DA CIDADE 

“Non comprendemos que o alcalde non a incluise na programación de entroido deste 2025 nin dese explicacións ao respecto”, advirte a edil do PSdeG no Concello de Ourense Cristina Cruz

“Consideramos que o cartel non está á altura do que significa o entroido para Ourense e que dende que DO organiza a programación para unha das datas máis significativas do almanaque estas foron perdendo o seu sinal de identidade”, engade sobre o deseño que custou máis de 1.500 euros ás arcas municipais

Ourense, 11 de febreiro de 2025. O grupo municipal socialista lamenta que logo de anos de tradición, o actual goberno do Concello de Ourense decidise suprimir a loita de mecos que daba comezo ao entroido na capital e que tiña lugar na Praza Maior cada xoves de comadres. “É unha mágoa que a Concellería de Educación non continúe cun sinal de identidade no que participaban ao redor de 300 nenos e nenas cada ano e que ía máis aló da propia actividade ao mergullarse a cativada nos costumes do noso entroido”, sinala a edil do PSdeG Cristina Cruz.

Eran varios os centros de ensino os que cada ano participaban neste acto de pistoletazo de saída e ensinaban ao alumnado a elaboración dos mecos. Nesta ocasión, a loita de mecos limitarase aos patios dos colexios que poidan celebrala. “Non comprendemos que o alcalde non a incluise na programación de entroido deste 2025 nin dese explicacións ao respecto”, incide.

No que atinxe ao cartel coñecido recentemente, as e os socialistas rexistraron as preguntas pertinentes para que se informe sobre quen é o autor, cal é a inspiración do deseño e se tivo algún custe para as arcas municipais. A resposta por parte de Alcaldía indica que se encargou á empresa Shinobi por un custe de 1.500 euros, máis IVE, e que descoñecen a inspiración que motivou o mesmo.

Concretamente, afirman dende o executivo de Gonzalo Pérez Jácome que non teñen “acceso á profundidade das mentes para responder” a esta última pregunta, nin tampouco “resonancias magnéticas” que lles dean “pistas sobre este asunto”. Deste modo, as e os socialistas critican a pouca implicación do executivo de Gonzalo Pérez Jácome no encargo do cartel e que se paguen 1.500 euros sen directrices a seguir nin preguntar a inspiración do mesmo.

“Consideramos que o cartel non está á altura do que significa o entroido para Ourense e que dende que DO organiza a programación para unha das datas máis significativas do almanaque estas foron perdendo o seu sinal de identidade, paulatinamente, para converterse nunha aposta que se limita ás orquestras”, remata contundente.