concellos INICIATIVAS

O PSOE de Viana informa dos pasos a seguir para optar a bonificacións na taxa do lixo

 O PSDEG-PSOE DE VIANA INFORMA DOS PASOS A SEGUIR POR PARTE DA VECIÑANZA PARA OPTAR A BONIFICACIÓNS NAS TAXAS A PAGAR POLA RECOLLIDA DO LIXO QUE PODEN CHEGAR A SER DUN 40% 

As e os socialistas critican a “inacción” do goberno municipal do PP a hora de informar á veciñanza sobre as bonificacións as que poden acollerse a través da compostaxe doméstica

Tal e como explican os importes representan nalgúns casos “subas dun 50 % e no caso das aldeas do 100%, por mor dos incrementos das taxas que cobra a Deputación Provincial de Ourense polo deficiente tratamento dos residuos por parte de Sogama”

Germán García-Ávila lembra que en novembro de 2024 “presentamos unha moción na que instábamos ao concello a que facilitara á veciñanza composteiros para tratar o lixo nos fogares, comercios e industrias, pero o goberno local do PP nada fixo”

Viana do Bolo, 17 de febreiro de 2025. O PSdeG-PSOE de Viana do Bolo informa dos pasos a seguir por parte da veciñanza para optar a rebaixas nas taxas a pagar pola recollida do lixo. As e os socialistas critican a “inacción” do goberno municipal do Partido Popular a hora de informar á veciñanza sobre as bonificacións as que poden acollerse a través da compostaxe doméstica para reducir o pago pola taxa de recollida.

Dende o grupo municipal socialista consideran “imprescindible” que os veciños e veciñas de Viana do Bolo coñezan a maneira de minorar a importante suba que se vai producir nos recibos que pagan pola recollida do lixo. Tal e como explican os importes representan nalgúns casos “subas dun 50 % e no caso das aldeas do 100%, por mor dos incrementos das taxas que cobra a Deputación Provincial de Ourense polo deficiente tratamento dos residuos por parte de Sogama”.

O voceiro do PSdeG-PSOE en Viana do Bolo, Germán García-Ávila Arias, lembra que en novembro de 2024 “presentamos unha moción na que instábamos ao concello a que facilitara á veciñanza composteiros para tratar o lixo nos fogares, comercios e industrias”. Tal e como apunta o edil socialista “o goberno municipal do Partido Popular nada ten feito e a día de hoxe a veciñanza atópase sen solucións por parte do consistorio ante esta suba na taxa de recollida do lixo”.

García-Ávila Arias subliña que o goberno local “tampouco informou correctamente á veciñanza da suba da taxa do lixo, nin das bonificacións as que se poden optar no caso de acollerse a compostaxe e que supoñen unha importante redución no recibo”. O voceiro socialista considera que o goberno municipal “debería preocuparse máis polos veciños e veciñas e por informalos en casos como o que nos atinxe e que lles afecta de forma directa”.

Dende o PSdeG-PSOE de Viana do Bolo lembran que aqueles interesados en abaratar o custe do servizo de recollida do lixo deben cubrir un impreso e presentalo no concello para acollerse a compostaxe. “Con isto e adquirindo un cubo para depositar o lixo e realizar a compostaxe, pódese rebaixar o importe da taxa nun 30%” destacan, ademais de sinalar que “co uso de maneira regular do punto limpo a rebaixa sería doutro 10%”. As e os socialistas consideran que “a xestión é moi sinxela e o aforro considerable, polo que animamos a toda veciñanza a cubrir o impreso e optar pola compostaxe”.