O PSDEG-PSOE NA DEPUTACIÓN DENUNCIA A “MANOBRA PARTIDISTA” DO PP SOBRE A PROBLEMÁTICA TRIBUTARIA DO ENCORO TRANSFRONTEIRIZO DO LINDOSO QUE AFECTA A ENTRIMO E LOBIOS
“É de lamentar que o PP traía á Deputación unha moción sen consensuar, de xeito tendencioso, sobre unha temática que sempre foi obxecto de concertación entre concellos afectados”, dixo Álvaro Vila.
Para Ramón Alonso, “esta manobra partidista racha a folla de ruta pactada en Femembalse, poñendo o foco no goberno central e eludindo as responsabilidades de Xunta e Deputación”.
“O PP tinguiu coas súas cores unha cuestión que non debería ser obxecto de discusión”, salientou o voceiro socialista en Lobios, Patrick Rodríguez, quen cualificou de “oportunista” á rexedora do concello.
Ourense, 25 de febreiro de 2025. O Grupo Provincial Socialista denuncia a “manobra partidista” do PP con respecto á problemática tributaria do encoro do Lindoso, que racha coa “unidade de acción” exhibida até o momento. “É de lamentar a deriva do PP con respecto sobre a cuestión tributaria dos encoros transfronteirizos, traendo agora á Deputación de Ourense unha moción sen consensuar, de xeito tendencioso e interesado, sobre unha temática que sempre foi obxecto de concertación entre os concellos de Entrimo e Lobios, e mesmo da corporación provincial”, dixo en rolda de prensa o voceiro socialista, Álvaro Vila, quen estaba acompañado do alcalde de Entrimo, Ramón Alonso, e do voceiro do PSdeG-PSOE no concello de Lobios, Patrick Rodríguez.
“Trátase dunha manobra partidista que pon enriba da mesa unha casuística que sempre tratamos conxuntamente os concellos afectados mesmo no seo da Federación de Asociaciones y Municipios con Centrales Hidroeléctricas y Embalses (Femembalse), cunha folla de ruta clara”, explicou Alonso. Segundo o rexedor, “hai que aludir á responsabilidade dos ministerios de Exteriores, de Facenda e Medio Ambiente, pero non podemos obviar, como fai o PP, que sempre contemplamos a implicación do Fondo de Compensación Ambiental da Xunta de Galicia e a cobertura de eventuais custos derivados do recurso aos tribunais de xustiza por parte da Deputación de Ourense, sendo o propio Luís Menor vicepresidente lexislativo e tributario de Femembalse”.




O voceiro socialista no concello de Lobios, Patrick Rodríguez, culpou ao PP de “politizar a problemática”, buscando unicamente “atribuírse medallas, en ter en conta o impacto que poden ter as compensacións en concellos que teñen tantas necesidades coma os nosos”. Segundo o líder da oposición en Lobios, “o PP tinguiu coas súas cores unha cuestión que non debería ser obxecto de discusión entre os concellos mergullados polo encoro”. Neste senso, Rodríguez cualificou de “oportunista” á rexedora María del Carmen Yáñez, “quen ven de apropiarse, xunto co PP da Deputación, dunha reivindicación da que nunca quixo saber nada e que tampouco figuraba no seu programa electoral, malia os encontros e coordinación con outros actores, e a man sempre tendida do alcalde de Entrimo”.
“Afán construtivo” do PSdeG-PSOE
Se ben afeou a ruptura da “unidade de acción provincial” por parte do PP, Álvaro Vila anunciou a introdución de varias emendas de adición por parte do PSdeG-PSOE “para completar e cubrir as insuficiencias” da moción relativa á problemática tributaria do encoro transfronteirizo do Lindoso. Neste senso, os socialistas recuperan o prescrito por Femembalse, apelando ao concurso de Xunta e Deputación na solución. Tratándose dunha “reivindicación de longa data, unha débeda histórica cun efecto certo sobre o presente e o futuro destes concellos”, o voceiro socialista destacou o “afán construtivo” da súa formación que “loita polo que é bo para a provincia, sen cores nin fin ideolóxicas”.

