concellos Denuncias

O PSOE de Leiro insta a un arranxo inmediato de fochancas en varias rúas do municipio

O PSDEG-PSOE DE LEIRO INSTA AO GOBERNO MUNICIPAL A PROCEDER AO ARRANXO “INMEDIATO” DE VARIAS FOCHANCAS NAS RÚAS REAL E CANCELIÑA E DO APARCADOIRO PÚBLICO A CARÓN DO RÍO

As e os socialistas denuncian que o estado de deterioro “é máis que evidente” e reclaman “solucións” por parte do concello para arranxar estes problemas

Manuel Rodríguez e Pedro José González reclaman o arranxo destas fochancas en ámbalas rúas e que se repare o firme e a sinalización das prazas de aparcamento no aparcadoiro a carón do río e con entrada pola rúa Gabino Bugallal

Leiro, 27 de febreiro de 2025. O PSdeG-PSOE de Leiro insta ao goberno municipal a proceder o arranxo “inmediato” e “urxente” de varias fochancas en rúas do municipio, así como a mellora do aparcadoiro público que hai a carón do río e con entrada pola rúa Gabino Bugallal. As e os socialistas denuncian que o estado de deterioro “é máis que evidente” e reclaman “solucións” por parte do concello para arranxar estes problemas.

Dende o grupo municipal socialista aproveitaron a última sesión plenaria celebrada esta semana para presentar varios rogos ao alcalde do PP, Francisco José Fernández. As e os socialistas reclaman o arranxo das fochancas das rúas Real e Canceliña, que segundo afirman “levan meses nun pésimo estado e no caso da rúa Canceliña coa fochanca sen sinalizar, co conseguinte perigo para os viandantes e os vehículos que transitan e circulan pola mesma”.

O concelleiro, Manuel Rodríguez Vázquez, tamén aproveitou o turno de rogos e preguntas para preguntarlle ao rexedor sobre a instalación de maceteiros tanto na praza do Cruceiro como en Gabino Bugallal e se había algún informe técnico por parque do arquitecto municipal para a súa instalación. “O alcalde respondeu que se colocaron por envellecemento e que non era necesario un informe do arquitecto”, apunta o edil do PSdeG-PSOE en Leiro.

Asemade dende o PSOE de Leiro tamén pediron que se leve a cabo, por parte do concello ou da concesionaria da auga, un plan de limpeza na rede de sumidoiros, co obxectivo de prever incidencias.

Arranxo do aparcadoiro público a carón do río

Durante a sesión plenaria, o PSdeG-PSOE de Leiro tamén presentou un rogo para que se proceda ao arranxo “inmediato” do aparcadoiro público que hai a carón do río e con entrada a través da rúa Gabino Bugallal. As e os socialistas denuncian que “tanto o firme como as divisións das prazas de aparcamento están moi deterioradas e poden provocar danos nas rodas dos vehículos”.

O concelleiro socialista, Pedro José González, tamén instou ao goberno local a “substitución de dous postes da luz que están situados no medio e medio do aparcadoiro e movelas cara unha esquina ou ven instalar uns proxectores de luz, que non lle fagan perder visión aos condutores”. O edil socialista “considera necesarias estas actuacións nun aparcadoiro con gran afluencia de vehículos por parte da veciñanza e dos turistas que nos visitan”.