Concello de Ourense POLÍTICA PROVINCIAL Sanidade SERVIZOS PÚBLICOS urbanismo

Esixiremos que o goberno de Jácome reformule os pregos de licitación do lixo e máis campañas

AS E OS SOCIALISTAS ESIXIRÁN, CUNHA MOCIÓN, QUE O GOBERNO DE JÁCOME REFORMULE OS PREGOS DE LICITACIÓN DO SERVIZO DE RECOLLIDA DE RESIDUOS E MÁIS CAMPAÑAS DE INFORMACIÓN E SENSIBILIZACIÓN

“É imprescindible que a xente estea concienciada e coñeza como debe reciclar e cal é o colector axeitado ou de que tipos de mecanismos dispoñen para reducir a súa factura do lixo”, explica a edil do PSdeG María Fernández

“Non nos sorprende o desenlace porque é o ‘modus operandi’ do alcalde xerar un conflito, enredar máis o problema e, finalmente, erixirse ou pretender erixirse como o responsable da solución”, resume sobre a desconvocatoria da folga a portavoz do grupo municipal socialista, Natalia González

Ourense, 28 de febreiro de 2025. Ante o empeoramento continuo e patente dos últimos anos no servizo de recollida de residuos e limpeza viaria do Concello de Ourense, o grupo municipal socialista levará ao vindeiro pleno ordinario de marzo unha iniciativa para instar ao goberno de Gonzalo Pérez Jácome a reformular os pregos de licitación do contrato, introducindo as melloras en materia de contratación laboral das traballadoras e traballadores pactadas e implementar na valoración técnica da licitación a educación ambiental.

“O contrato finalizou o 31 de marzo do ano 2022, incluídas as prórrogas, atopándose o mesmo en situación de precariedade o que implica un detrimento deste servicio público esencial. Moitos colectores están rotos ou en mal estado, a frecuencia de recollida non é axeitada nin responde ás necesidades da veciñanza e o lixo acumúlase por mor de dita frecuencia. Ademais, o acordo cos e cas empregadas non recolle todas as demandas que reclamaban”, destaca a edil do PSdeG María Fernández.

“Queremos poñer de manifesto que, se vén o executivo municipal non é quen de facer o seu traballo e sacar adiante todas as concesión que se atopan en precario, é necesario recuperar as campañas de información e sensibilización con respecto á educación ambiental. É imprescindible que a xente estea concienciada e coñeza como debe reciclar e cales son os colectores axeitados ou de que tipos de mecanismos dispoñen para reducir a súa factura do lixo”, explica sobre unha das obrigas que a empresa concesionaria ten e que debería servir para contribuir a unha mellora medioambiental.

Neste senso, as e os socialistas reclaman tamén no texto rexistrado que o goberno municipal poña en marcha campañas informativas, divulgativas e de sensibilización ambiental, -cuxo obxectivo sexa mellorar a taxa de reciclaxe- e  desenvolva un plan local de xestión de residuos e a mellora, actualización e adaptación da ordenanza municipal de xestión de residuos e limpeza viaria.

Os residuos constitúen un grave problema ambiental en si mesmos e, á súa vez, están na orixe doutros como a contaminación das augas, do chan e do aire, cos correspondentes riscos asociados para a saúde pública. Evitar no posible os impactos ambientais causados polos residuos, e dar unha correcta xestión aos inevitables, debe ser un factor prioritario da política, segundo consideran dende o grupo municipal socialista.

Por todo elo, insisten na moción en que as campañas divulgativas e de sensibilización permanentes, que informen e formen á veciñanza, deben ser parte da política municipal e implementarse cunha canle directa á cidadanía.

“Se non somos conscientes e melloramos a taxa de reciclaxe isto terá non só consecuencias medioambientais, senón que tamén suporá aumento no recibo do lixo para o Concello e para a cidadanía. Debemos lembrar que o servizo de recollida do lixo é deficitario porque está en precario, mais tamén porque estamos incumprindo as nosas obrigas”, remata a edil do PSdeG.

Sobre a folga do lixo desconvocada

A portavoz dos e das socialistas no Concello de Ourense, Natalia González, pronunciouse sobre a folga do lixo prevista para os días de Entroido e que quedou desconvocada esta mañá. “Non nos sorprende o desenlace porque é o ‘modus operandi’ do alcalde xerar un conflito, enredar máis o problema e, finalmente, erixirse ou pretender erixirse como o responsable da solución”, resume a tamén secretaria xeral do partido na cidade.

“Alegrámonos, como non pode ser doutro xeito, de que se desconvocase esta folga precisamente nestas datas tan importantes. Pero temos que dicir que o rexedor tería que facer os deberes, manter un diálogo permanente cos traballadores e traballadoras para tratar de evitar que estas cousas pasen e para recoller as súas demandas, tanto no caso do servizo de recollida de residuos como no do resto de persoal dependente do Concello”, incide a socialista.