A ÁREA DE MIGRACIÓNS DO PSDEG-PSOE DE OURENSE INFORMA DE QUE AS PENSIÓNS EN ALEMAÑA SUBIRÁN UN 3,74% EN 2025, BENEFICIANDO A MILLEIROS DE EMIGRANTES RETORNADOS
Dende a secretaría provincial de migracións explican que a aqueles que cobran unha pensión de 1.000 euros mensuais, “aumentaráselles a pensión en 37,40 euros”, namentres que cunha pensión de 1.500 euros “incrementarase a contía cobrada en 56,10 euros mensuais”
“Para aqueles retornados que non teñan dereito a unha pensión española, o aumento das contribucións aos seguros de saúde e de dependencia xermanos a partir deste mes de marzo absorberá parte deste aumento”, destaca Luís Gulín
Ourense, 13 de marzo de 2025. O PSdeG-PSOE de Ourense, a través da área provincial de migracións, informa de que as pensións en Alemaña aumentarán un 3,74% o 1 de xullo de 2025. Un aumento, que en palabras das e dos socialistas, “beneficiará a milleiros de emigrantes retornados”.
Dende a secretaría provincial de migracións explican que a aqueles que cobran unha pensión de 1.000 euros mensuais, “aumentaráselles a pensión en 37,40 euros”, namentres que cunha pensión de 1.500 euros “incrementarase a contía cobrada en 56,10 euros mensuais”. Ademais, aqueles pensionistas cunha pensión de 2.673 euros, “recibirán un incremento de polo menos 100 euros”, afirman dende o PSOE ourensán.
O responsable de migracións da executiva provincial do PSdeG-PSOE de Ourense, Luís Gulín Iglesias, destaca que “o aumento do 3,74% beneficia tamén ás persoas que cobran pensión de viuvez”. Neste senso, Gulín apunta a que “por regra xeral, en Alemaña só existe un dereito a pensión de viuvez se o matrimonio ou a unión civil rexistrada existiu durante alo menos un ano”. Ademais, a parella falecida debe cotizar ao seguro de pensións durante polo menos cinco anos para garantir o dereito á pensión de viuvez.
“Para aqueles retornados que non teñan dereito a unha pensión española, o aumento das contribucións aos seguros de saúde e de dependencia xermanos a partir deste mes de marzo absorberá parte deste aumento”, destaca Luís Gulín. “Un pensionista cunha pensión bruta de 2.000 euros, por exemplo, podería pagar entre 20 e 30 euros máis ao mes en cotizacións ao seguro de enfermidade e ao de dependencia” afirma o responsable de migracións do PSdeG-PSOE de Ourense.
A taxa de contribución xeral mantense estable en 14.6 por cento, ás chamadas Krankenkasse, unha especie de mutua de asistencia sanitaria e de dependencia, sendo a principal aseguradora a AOK.

