Executiva municipal de Ourense PSdeG

Enxalzamos o traballo en rede, a unidade e a aposta pola mocidade e o feminismo nos últimos 3 anos da CEM

A COMISIÓN EXECUTIVA MUNICIPAL DO PSDEG DE OURENSE ENXALZA O TRABALLO EN REDE, A UNIDADE E A APOSTA POLA RENOVACIÓN E O FEMINISMO NOS 3 ÚLTIMOS ANOS DE XESTIÓN

Destacaron as e os socialistas durante a reunión que “a única alternativa a Jácome en Ourense pasa por un PSOE forte e unido, que lidere a esquerda, ante un PP sen rumbo” e capaz de enganar á cidadanía “falando de mocións de censura imposibles mentres pacta con DO

A secretaria xeral na cidade, Natalia González Benéitez, destacou e agradeceu a implicación do equipo que formou parte do órgano executivo polo incansable labor desenvolto

Ourense, 13 de abril de 2024. A Comisión Executiva Municipal do PSdeG-PSOE de Ourense celebrou onte a súa reunión ordinaria facendo balance dos 3 anos de actividade e xestión dende que se constituíu en marzo de 2022. Unha etapa que a secretaria xeral, Natalia González Benéitez, cualificou como de unidade e ilusión por todos os proxectos e actividades que serviron para estreitar lazos entre a militancia e dinamizar, tanto o partido como a actividade cultural cunha programación aberta á cidadanía na propia sede do PSdeG e noutros espazos públicos.

O Día das Letras Galegas, o 8M e 25N, o Orgullo LGBTI, diferentes actos para impulsar a memoria democrática, o aniversario de Eduardo Blanco Amor, os procesos electorais e campañas abertas á militancia e participativas, os magostos populares ou o programa de visitas ás institucións -ao Europarlamento, ao Congreso, ao Senado e próximamente ao Parlamento Galego- non serían posibles sen a implicación do equipo que formou parte do órgano executivo, segundo explicou a tamén portavoz do grupo municipal socialista no Concello de Ourense.

Ademais, a colaboración e o traballo en rede coas representantes do partido das diferentes institucións marcou o camiño, deixando atrás a xestora e a inestabilidade orgánica, e apostando dende o primeiro momento pola renovación, dando un papel protagonista á xente moza e ás mulleres.

Neste senso, tamén destacaron as e os socialistas durante a reunión que “a única alternativa a Jácome en Ourense pasa por un PSOE forte e unido, que lidere a esquerda, ante un PP sen rumbo” e capaz de enganar á cidadanía “falando de mocións de censura imposibles mentres pacta con DO para entrar a formar parte de novo do goberno local por puros intereses persoais”.

O balance do XV Congreso tamén foi positivo para a Comisión Executiva Municipal polos cambios acadados e pola aprobación de todas as emendas presentadas pola agrupación local, entre as que se atopaba o cambio de nome do partido que pasará a ser Partido Socialista de Galicia. Tanto o secretario de Organización, José Ramón Fernández Morgade, como a secretaria xeral na cidade agradeceron a participación activa da militancia, e dos e das delegadas, nun proceso no que se reforzou a presenza do grupo no Concello e da agrupación.