AS SOCIALISTAS RECLAMARÁN Á XUNTA QUE INSTE AO GOBERNO LOCAL A CONVOCAR O CMSS E PREGUNTARÁN SE REALIZARÁN ACCIÓNS PARA PALIAR O ESTADO ACTUAL DOS SERVIZOS SOCIAIS EN OURENSE
“Unha trintena de asociacións reclaman que se reúna a este órgano consultivo e informativo que leva seis anos sen ser convocado”, lembra a deputada no Parlamento de Galicia Carmen Rodríguez Dacosta
Esixirán tamén que o executivo autonómico realice unha valoración sobre a situación dos servizos sociais na cidade e as condicións nas que se atopan as entidades do terceiro sector ou saber se realizará accións complementarias para emendar o déficit que padece Ourense
Ourense, 14 de marzo de 2025. “A finais do mes de xaneiro, as entidades do terceiro sector da cidade de Ourense solicitaban ao goberno de Gonzalo Pérez Jácome que convocase o Consello Municipal de Servizos Sociais (CMSS). En total, unha trintena de asociacións reclaman que se reúna a este órgano consultivo e informativo que leva seis anos sen ser convocado”, comeza lembrando a deputada no Parlamento de Galicia Carmen Rodríguez Dacosta.
“Entidades como Neuroburgas, APES, ApuntasTE, Trascos, Asociación Diabética Auria, ValoresRSC, Fundación Amigos de Galicia, Asociación de Crohn y Colitis Ulcerosa de Ourense, Discafis-Cogami, Aixiña, Alcer, Asociación de Fibromialgia y Fatiga Crónica, Xarela, Por Eles TEA ou Fundación Secretariado Gitano rexistraron a petición da reunión do CMSS para abordar asuntos como a configuración da subvención para a prestación de servizos sociais e a modificación das bases da convocatoria ou a dotación de crédito, que non foi ampliada nos últimos 18 anos”, continúa explicando a portavoz do grupo municipal socialista no Concello de Ourense e secretaria de Política Social do PSdeG, Natalia González Benéitez.
Así as cousas, as socialistas presentaron unha batería de iniciativas no Parlamento non só para que o executivo de Alfonso Rueda inste ao goberno local a convocar dito órgano, senón para que a Xunta de Galicia realice unha valoración sobre a situación actual dos servizos sociais na cidade e as condicións nas que se atopan as entidades do terceiro sector ou saber se realizará accións complementarias para emendar o déficit que padece neste eido a cidadanía de Ourense.
“Entendemos que non basta só con que se convoque o CMSS unha vez e por iso demandamos que se manteña no tempo a convocatoria coa regularidade precisa para dar unha resposta ás necesidades dos usuarios e usuarias de calidade e de forma planificada”, remata a deputada.

