O PSDEG-PSOE DE VIANA LEVARÁ AO PLENO UNHA MOCIÓN NA QUE REITERA A NECESIDADE DA POSTA EN VALOR, ELIMINACIÓN DO FEÍSMO E MELLORA DA IMAXE E DO MANTEMENTO DA ZONA SITUADA ENTRE AS PONTES DA ESTRADA OU-533 E OU-0908
As e os socialistas instan ao goberno municipal a iniciar “as xestións pertinentes” para que a Xunta de Galicia, competente da ponte e da estrada OU-533, proceda con “urxencia” ao arranxado da mesma
Germán García-Ávila lembra que en maio de 2024 “foi aprobada por unanimidade unha moción socialista neste senso, e transcorrido preto dun ano, non vemos que se acometeran actuación ningunha, nin nos consta que se trasladara a Xunta este acordo plenario”
“Ante a pasividade do goberno local, vémonos na obriga de presentar novamente esta moción, ca confianza de que volva ser aprobada e se xestione e negocie ca Xunta a asunción dos traballos para mellorar a imaxe da zona”, destaca o voceiro socialista
Ourense, 14 de marzo de 2025. O PSdeG-PSOE Viana do Bolo vén de presentar unha moción para o seu debate na sesión plenaria do vindeiro 20 de marzo na que reitera a súa petición para a posta en valor, eliminación do feísmo e mellora da imaxe e do mantemento da zona situada entre as pontes da estrada OU-533 e da OU-0908. As e os socialistas instan ao goberno municipal a iniciar “todas as xestións pertinentes” para que a Xunta de Galicia, competente da ponte e da estrada OU-533, proceda con “urxencia” ao arranxado da mesma.
As e os socialistas vianeses consideran que a panorámica que amosa o encoro neste espazo “é dunha beleza indiscutible, tal e como recoñece a veciñanza e os turistas que nos visitan”. Ante esta situación dende o grupo municipal socialista esixen “actuacións urxentes que melloren as condicións da zona”. Neste senso tamén poñen de manifesto a necesidade de “proceder ao pintado, a instalación de elementos de separación entre a estrada e a beirarrúa que melloren as condicións de seguridade das persoas que transitan pola ponte dirección A Gudiña”.
O voceiro do PSdeG-PSOE en Viana do Bolo, Germán García-Ávila Arias, pon de manifesto que “no pleno celebrado o 16 de maio de 2024, levamos unha moción instando ao concello a levar a cabo estas actuacións”, pero tal e como relata “a pesar de ser aprobada por unanimidade, e transcorrido preto dun ano, non vemos que se acometeran actuación ningunha, nin nos consta que se trasladara a Xunta este acordo plenario”.
“Ante a pasividade do goberno municipal, vémonos na obriga de presentar novamente esta moción, ca confianza de que volva ser aprobada e se xestione e negocie ca Xunta a asunción dos traballos para mellorar a imaxe da zona máis representativa da vila e que é a imaxe que primeiro perciben os que se achegan a Viana”, afirma García-Ávila Arias. O voceiro socialista lembra que xa no seu momento as e os socialistas presentaron unha moción para a construción dun paseo que unira as dúas pontes, pero tal e como relata “o goberno municipal ignorou dita proposición”
O PSOE vianés tamén considera importante a instalación por parte do concello de puntos de iluminación directa dende abaixo e en dirección a ponte para “realzar a beleza da contorna”. De igual forma instan a que o Concello proceda a solicitar da Deputación Provincial de Ourense o arranxo das numerosas deficiencia que presenta a ponte da OU-0908, en dirección a Vilariño de Conso e tamén o seu pintado.
Germán García-Ávila Arias considera que ambas pontes “adoecen dunha falta de mantemento absoluto e amosan unha imaxe de desleixo total, o que impacta negativamente na percepción da veciñanza e dos turistas que nos visitan”. O voceiro socialista explica que tanto Xunta coma Deputación teñen as competencias neste caso e polo tanto “deben pór cartas no asunto para resolver a problemática”.
O PSdeG-PSOE de Viana do Bolo tamén insta na moción a instalación de iluminación na parte inferior da ponte da OU-0908 e proxectados cara a mesma “co fin de mellorar tamén a visibilidade da zona”, aínda que segundo apuntan “a prioridade é mellorar a iluminación na parte inferior da ponte da OU-533, pois é máis transitada e unha vía principal de entrada e saída a vila”.

