Executiva municipal de Ourense Parlamento de Galicia PSdeG

Visitaremos a sede do Parlamento galego para achegalo á militancia

A AGRUPACIÓN MUNICIPAL DO PSDEG DE OURENSE VISITARÁ A SEDE DO PARLAMENTO GALEGO PARA COÑECER O SEU FUNCIONAMENTO E A SÚA HISTORIA

“Do mesmo xeito que ofrecimos a posibilidade de coñecer o Europarlamento en Bruxelas e a Cámara Alta e a Cámara Baixa en Madrid, agora nos desprazaremos ata Santiago de Compostela”, explica a secretaria xeral do partido na cidade, Natalia González

Deste xeito darase continuidade ao programa para achegar as institucións cunha visita guiada o vindeiro 31 de marzo

Ourense, 15 de marzo de 2025. A agrupación municipal do PSdeG de Ourense continuará co seu achegamento ás institucións cunha visita guiada á sede do Parlamento galego o vindeiro 31 de marzo. “Do mesmo xeito que ofrecimos a posibilidade de coñecer o Europarlamento en Bruxelas e a Cámara Alta e a Cámara Baixa en Madrid, agora nos desprazaremos ata Santiago de Compostela para que a militancia descubra o funcionamento da institución autonómica”, explica a secretaria xeral do PSdeG, Natalia González.

Como se organiza a actividade parlamentaria –en plenos e comisións, e as características de cada unha–, a historia do edificio e como foi mudando co paso dos anos para adaptarse ás necesidades actuais ou a función lexislativa e de control ao executivo serán algún dos asuntos de interese sobre os que as e os visitantes poderán preguntar e aprender.

Accederán ás dependencias máis solemnes do pazo do Hórreo –como o Salón dos Reis, en cuxas paredes penduran os retratos dos expresidentes e expresidentas da institución, ou o Hemiciclo– e aquelas menos coñecidas –como a biblioteca ou a zona de prensa–.

“O obxectivo, como nas anteriores visitas, é abrir o Parlamento á sociedade para contrarrestar a desafección política e aportar o noso gran de área contra a desinformación dando a coñecer a actividade que alí se desenvolve e como afectan ao día a día da cidadanía as decisións que se toman entre as súas paredes”, remata a socialista.