O PSDEG-PSOE DE VIANA INSTA AO CONCELLO A ADHERIRSE AO PROGRAMA DA DEPUTACIÓN DE OURENSE PARA ELABORAR UN CENSO DE INSTALACIÓNS E EMPRAZAMENTOS QUE CONTEÑEN AMIANTO
As e os socialistas defenderán unha moción este xoves na que lle piden ao goberno local a que o fagan con “carácter de urxencia”, xa que o prazo de adhesión finaliza o 31 de marzo
Germán García-Ávila solicita que o concello “se adhira ao programa da Deputación para que se elabore este censo de instalacións e edificacións públicas e privadas que conteñen amianto e que posteriormente se acometa a retirada destes elementos”
O voceiro socialista tamén sinala que “o custe que debería soportar o concello é nada máis que o do visor e no caso de Viana sería duns 170 €, polo que consideramos imprescindible adherirse a este programa”
Viana do Bolo, 18 de marzo de 2025. O PSdeG-PSOE de Viana do Bolo defenderá unha moción no pleno deste xoves na que insta ao concello a adherirse ao programa da Deputación Provincial de Ourense para elaborar un censo de instalacións e emprazamentos que conteñen amianto nos municipios. As e os socialistas pídenlle ao goberno local a que o fagan con “carácter de urxencia”, xa que o prazo de adhesión finaliza o 31 de marzo.
Dende o grupo municipal socialista lembran que a adhesión poderá solicitarse ano a ano, pero tal e como apuntan “pedimos que se aproveite este primeiro prazo para adiantar a elaboración do censo”. Na propia moción, o PSOE vianés tamén solicita que se inste a Deputación, a que unha vez elaborado o censo, non se demore na retirada do amianto e se elabore unha planificación detallada para acometer a mesma, con datas posibles e un estudo do custe económico, detallando os importes dos que se farían cargo as administracións e os que repercutirían nos propietarios.
O voceiro do PSdeG-PSOE en Viana do Bolo, Germán García-Ávila Arias, destaca que “é ben sabido que en moitas edificacións, tanto públicas como privadas, atópase colocada en cubertas e paredes a uralita”. Neste senso pon de manifesto que a uralita “desprende amianto ao medio ambiente, cando se manipula, cando se retira e durante a súa reparación e unha vez colocada ten un tempo no que o amianto non se espalla, pero co paso do tempo comeza a contaminar debido ao deterioro”.
“O amianto é un produto altamente nocivo que causa innumerables enfermidades canceríxenas”, apunta García-Ávila Arias. Por este motivo, o voceiro socialista solicita que o concello “se adhira ao programa da Deputación para que se elabore este censo de instalacións e edificacións públicas e privadas que conteñen amianto e que posteriormente se acometa a retirada destes elementos”. Tamén subliña que “o custe que debería soportar o concello é nada más que o do visor e no caso de Viana sería duns 170 euros, polo que consideramos imprescindible adherirse a este programa”.
Dende o PSdeG-PSOE de Viana do Bolo lembran que na directiva aprobada no ano 2021, segundo a Lei de Residuos e Solos para unha Economía Circular, “os concellos están obrigados a realizar un censo das instalacións e emprazamentos que conteñan amianto”. As e os socialistas consideran que “dado que estamos ante un produto altamente nocivo, consideramos clave que se proceda a realizar este censo, co obxectivo final de facer desaparecer os elementos que conteñen amianto das edificacións públicas e privadas”.

