AS SOCIALISTAS REXEITAN O PROCEDER DO ALCALDE QUE SUMA VARIAS SENTENZAS POLO SEU TRATO IMPROCEDENTE A EMPREGADOS E EMPREGADAS MUNICIPAIS E RECRIMINAN AO PP QUE O MANTEÑA NO GOBERNO
“En ningunha cidade do noso país se permitiría seguir nin un minuto máis á fronte da Alcaldía a Jácome. Estamos ante uns feitos gravísimos que non son novos porque veñen acontecendo nos últimos case seis anos”, lembra a voceira do PSdeG, Natalia González
“Todo o mundo debe saber que non só afecta á imaxe institucional, senón que ten repercusións económicas que asumimos todos e todas as veciñas”, engade
Ourense, 19 de marzo de 2025. Dende o grupo socialista no Concello de Ourense trasladan o seu rexeitamento ao modo de proceder do rexedor e lamentan que a terceira cidade de Galicia veza menoscabada a súa imaxe logo da nova sentenza coñecida no día de onte -e que constitúe a terceira que ditamina que o alcalde, Gonzalo Pérez Jácome, acosou e tratou de xeito improcedente a traballadores e traballadoras municipais-.
“En ningunha cidade do noso país se permitiría seguir nin un minuto máis á fronte da Alcaldía a Jácome. Estamos ante uns feitos gravísimos que non son novos porque veñen acontecendo nos últimos case seis anos. E todo o mundo debe saber que non só afecta á imaxe institucional, senón que ten repercusións económicas que asumimos todos e todas as veciñas”, expón a voceira do PSdeG na Administración local, Natalia González.
Para as e os socialistas o único responsable da situación actual é o PP por colocar e continuar mantendo ao rexedor na súa cadeira e co bastón de mando, perpetuando que nada mude.
“Dende o noso partido non podemos máis que trasladar o noso apoio a todas esas persoas, empregados e empregadas públicas, e dos que sempre estivemos ao seu carón e felicitar, neste caso a Stella González pola súa valentía e inistencia por que se faga xustiza, así como defender os dereitos da cidadanía ante calquera tipo de ditadura”, remata contundente.

