Concello de Ourense urbanismo

Solicitamos que o alcalde convoque unha Xunta de Voceiros urxente para dar conta do bloqueo das obras da Praza de Abastos

O GRUPO MUNICIPAL SOCIALISTA SOLICITA A CONVOCATORIA DUNHA XUNTA DE VOCEIROS URXENTE POR PARTE DO ALCALDE PARA DAR CONTA DO NOVO BLOQUEO DAS OBRAS DA PRAZA DE ABASTOS NÚM. 1 DE OURENSE

A voceira do grupo municipal socialista, Natalia González, considera que o rexedor, Gonzalo Pérez Jácome, debe dar conta da motivación do comunicado remitido aos medios no día de hoxe, que aínda non recibiron as partes interesadas, no que manifesta que dá por concluído o proceso de negociación para a continuación das obras da Praza de Abastos

É gravísimo que non sexan capaces de chegar a un consenso técnico, económico e político dende as administracións autonómica e local coa asociación de comerciantes e se paralicen as actuacións necesarias para acadar que este proxecto estratéxico para Ourense se poida abrir por fin ao público”, defende a portavoz

Ourense, 21 de marzo de 2025. Dende o grupo municipal do PSdeG sinalan que no día de hoxe coñeceron, a través dun comunicado do goberno local, que o Concello de Ourense quere concluír, sen acordo, as negociacións sobre a Praza de Abastos e se paraliza así a posibilidade de que se continúen e rematen as obras necesarias para a súa reapertura.

Nesa misiva, o alcalde afirma que se comunica por escrito tanto á Consellería de Emprego, Comercio e Emigración da Xunta de Galicia e a asociación de comerciantes da Praza de Abastos núm. 1, sen que no decurso da mañá confirmaran a recepción de dito escrito as outras partes.

Ante a gravidade dos feitos, os e as socialistas urxen, e así o solicitaron xa a través do rexistro xeral, a convocatoria dunha Xunta de Voceiros urxente co fin de coñecer a motivación desta precipitada decisión que simplemente se basea, segundo se deduce do comunicado oficial, en teren cedido en decenas de parámetros e chegar a un punto no que se comezaría a danar o interese xeral da cidade de Ourense e do seu patrimonio.

Ata o de agora, o que si coñecen as e os socialistas no Concello é que se estaban a levar a cabo unha serie de reunións entre os executivos autonómico e local para avanzar nese plan funcional consensuado para poder seguir adiante coas obras nesta infraestrutura e que ese plan pechado polas dúas administracións se trasladaría aos praceiros e praceiras para que puideran facer as súas alegacións no tempo establecido a tal efecto.

“Párecenos outra arroutada de Gonzalo Pérez Jácome da que consideramos que debe dar explicacións, non só ante os grupos políticos, senón ante a propia cidadanía e que, ademais, saca a relucir unha vez máis a súa incapacidade de chegar a acordos e consensos polo interese xeral dos veciños e veciñas. Neste caso concreto, paralizando a posibilidade de maneira unilateral de que sigan dándose pasos na obra máis importante que actualmente temos en marcha en Ourense”, remata contundente a tamén secretaria xeral do partido na cidade.