CRONOLOXÍA DAS NEGOCIACIÓNS LEVADAS A CABO ENTRE PSDEG-PSOE E O BNG PARA A MOCIÓN DE CENSURA EN VIANA DO BOLO
Viana do Bolo, 21 de marzo de 2025. O PSdeG-PSOE de Viana do Bolo relata con detalle todos os pasos dados pola agrupación socialista vianesas e as negociacións levadas a cabo co BNG local para propiciar un cambio de goberno en Viana. Neste mesmo relatorio tamén se desmenten varias das falsidades vertidas nos medios polo voceiro nacionalista, Secundino Fernández.
A raíz do acontecido no pleno celebrado o 16 de xaneiro de 2025, no que o alcalde puxo sobre a mesa a súa propia moción de censura, o grupo socialista emitiu unha nota de prensa con data venres 17/1/25, onde convidábamos o BNG a abandonar as súas ansias de ter a alcaldía en exclusividade e negociar un goberno alternativo co reparto de alcaldía e concellerías.
En resposta a esta oferta, o voceiro do BNG manifestou publicamente unha serie de datos, falsos de toda falsidade, que pasamos a detallar:
1.Manifestou que non nos xuntaramos nunca excepto xusto despois das eleccións (2023). Datos:
1ª Xuntanza con 2 membros do BNG e 2 do PSdeG-PSOE, martes 6/2/24
2ª Xuntanza con 2 membros do BNG e 2 do PSdeG-PSOE, xoves 29/2/24
3ª Xuntanza con 2 membros do BNG e 2 do PSdeG-PSOE, martes 19/3/24
2. Nestas xuntanzas a nosa oferta foi formar un goberno de coalición co reparto de alcaldía e concellerías, negociando posteriormente o programa e demais detalles. A resposta deles a estas 3 xuntanzas foi que si, pero ca alcaldía para eles en exclusividade.
3. O voceiro do BNG o luns 20/1/2025 manifestou tamén que tivo coñecemento pola nosa nota de prensa da nosa dispoñibilidade para volver a xuntarse, novamente, falso de toda falsidade, xa que o voceiro do noso grupo chamou por teléfono o voceiro do BNG o mércores 15/1/2025 ás 18:29 horas, manifestándolle que, o que procedía, non era consensuar posturas cara o pleno do día seguinte, se non volver xuntarse para por fin o desgoberno do Partido Popular. A resposta del foi de novo “si, pero ca alcaldía en exclusividade para o BNG”.
Na mesma resposta o voceiro do BNG di que está disposto a reunirse cando queiramos, ese mesmo día puxémonos en contacto co BNG para xuntarnos o día seguinte martes 21/1/2025, e recibimos como resposta que non podían ata o día sábado 25/1/2025.
Con data sábado 25/1/2025 ás 18:30 h. celebramos unha xuntanza na que asisten 4 membros do BNG e 4 membros do PSdeG-PSOE. Presentámoslle a nosa oferta (que posteriormente adxuntaremos) na que propuñamos un goberno de coalición co reparto de concellarías e alcaldía (16 meses BNG / 12 meses PSdeG-PSOE), quedando en respondernos posteriormente, cando se xuntasen. Celebran a xuntanza e ante as discrepancias existentes, acordan delegar nos órganos superiores do seu partido a decisión.
A dirección do BNG contacta ca dirección do noso partido quedando en reunirse en Ourense o mércores 5/2/2025 ás 11 da mañá.
Prodúcese o acordo e aceptan a nosa proposta, emprazándonos a xuntarnos de novo o luns 10/2/2025 en Verín para acordar o resto de detalles. A dirección do BNG trasládalle a agrupación local este acordo.
Unha vez trasladado o acordo deciden non aceptalo, quedando anulada a xuntanza con nós en Verín, e producíndose ese mesmo día unha xuntanza da súa dirección ca agrupación local na que deciden trasladarnos unha nova proposta.
A nova proposta preséntana o xoves 13/2/2025 e esixen a renuncia do noso cabeza de lista a alcaldía, tenencia alcaldía, e non poder formar parte do equipo de goberno, debido a que o seu cabeza de lista non pode ser alcalde, nin tenente alcalde por impedimento legal ao ser deputado autonómico.
Pola nosa parte, tendo en conta que o importante é o arranxo dos problemas do concello de Viana, acordamos internamente aceptar dita petición, estudando a maneira de poder facer fronte a esta esixencia.
Outra das condicións da súa nova proposta e que o equipo de goberno estea composto por 2 persoas de cada grupo, o BNG conta con dous concelleiros que poden traballar no concello o non ter ataduras laborais.
O noso cabeza de lista é a única persoa que pode dedicarlle o tempo que merece o noso concello, o resto da nosa lista ten ataduras laborais e non poder estar fisicamente no concello. Ante esta petición e imposible que a súa oferta se poda cumprir, xa que eles teñen xente para traballar e estar no concello e nós non. Todo isto que detallamos, amosa claramente a falta de vontade por parte do BNG para poder chegar a un acordo de goberno. Dabondo saben a composición da nosa lista e por tanto unha condición imposible de cumprir.
E para rematar en plena negociación sacan unha nota de prensa por retrasar a nosa resposta, cando eles tamén se tomaron uns tempos similares para contestar a nosa proposta.
Existe algunha maneira mellor de dicir que NON, dicindo que si con esta condición?
Por que trasladan a decisión da nosa proposta a dirección do seu partido e cando estes aceptan, deciden rexeitala?
Por outra banda, esta actitude do BNG non favorece un acordo do espazo progresista en Viana, e cremos que é un tiro no pé a alternativa ao desgoberno do PP.
Rogamos ao BNG que sexan serios, deixen de enredar aos veciños e ás veciñas, e si queren traballar polo ben de Viana, acepten a proposta do PSdeG- PSOE, aprobada pola súa dirección de partido.
Nosa foi a iniciativa para por fin a nula xestión do PP no concello, e a pesares dos atrancos e falta de vontade do BNG imos seguir loitando para que recapaciten e pensen no realmente importante VIANA.
Quen decidiu apostar por nós, que non se sinta frustrado, imos seguir defendendo o seu benestar de tódolos xeitos posibles, con máis esforzo si cabe.

