AS SOCIALISTAS RECLAMAN AO ALCALDE QUE DEIXE DE XOGAR AO TETRIS COAS CONCELLERÍAS DO SEU GOBERNO E SE POÑA A TRABALLAR POLO TURISMO E O TERMALISMO ÁS PORTAS DA SEMANA SANTA
Entenden dende o grupo municipal do PSdeG que a explicación aportada polo executivo de DO, argumentando que as actuais instalacións presentan “deficiencias que deben ser emendadas”, non é máis que unha excusa para continuar coa súa teima de conceder licenzas para xestións hostaleiras
Neste senso, critican que dende o goberno de Jácome só se realicen anuncios que pretenden ser cortinas de fume á súa pésima xestión en todos os eidos e, especialmente, no turismo
Ourense, 25 de marzo de 2025. As e os socialistas do Concello de Ourense reclaman ao alcalde, Gonzalo Pérez Jácome, que deixe de “xogar ao tetris” coas concellerías e competencias dos seus edís e se poña a traballar pola cidade logo do último anuncio realizado sobre o traslado da Oficina de Turismo a dependencias situadas na praza de San Martiño, xunto á catedral, nos baixos do edificio número 2.
Entenden dende o grupo do PSdeG que a explicación aportada polo executivo de DO, argumentando que as actuais instalacións presentan “deficiencias que deben ser emendadas e fan necesario realizar un custoso investimento para paliar problemas entre os que destacan os derivados da presenza de gas radon”, non é máis que unha excusa para continuar coa súa teima de conceder licenzas para xestións hostaleiras.
Neste senso, as e os socialistas lamentan que o rexedor da terceira cidade de Galicia estea máis centrado en que se abran novos bares que en defender o turismo e a cultura ás portas de que comece a Semana Santa. “Despois de instalar un bar no Museo Municipal, unha cafetería na Sala Valente e a idea peregrina de trasladar, hai dous anos, a oficina de turismo á Casa Consistorial, que non chegou a materializarse, agora é o turno que querer abrir outra instalación hostaleira ante unha política turística inexistente”, lamentan.
Neste senso, critican que dende o goberno de Jácome só se realicen anuncios que pretenden ser cortinas de fume á súa pésima xestión en todos os eidos e, especialmente, no turismo que verá, previsiblemente, como comeza co 80% das instalacións termais inoperantes unha das tempadas que máis visitantes atrae a Ourense.
“Nos últimos anos cargouse primeiro a Oficina de Atención ao Cidadán, logo anunciou o traslado da Oficina de Turismo á Casa do Concello e agora anuncia que move esta última para a praza San Martiño. A pregunta é por que non prioriza recuperar o funcionamento da Concelleria de Turismo que fixo desaparecer durante os seus mandatos por completo?”, remata a voceira dos e das socialistas, Natalia González.

