Concello de Ourense Sanidade Xunta

Reclamamos que se modifique o servizo de transporte para dar cobertura ao centro de saúde de O Couto

AS SOCIALISTAS INSISTEN EN QUE A XUNTA ESCOITE AOS E ÁS AFECTADAS POLAS OBRAS DO CIS NÓVOA SANTOS E RECLAMAN QUE SE MODIFIQUE O SERVIZO DE TRANSPORTE URBANO PARA DAR COBERTURA AO CENTRO DE SAÚDE DE O COUTO 

“Onte eran os profesionais de Psiquiatría os que rexistraban unha queixa á Xerencia trasladando o seu rechazo á decisión de que a área de Saúde Mental que se atopaba en Concejo pase ao CHUO polo amoreamento que conlevaría dos e das usuarias”, sinala a voceira do PSdeG no Concello de Ourense

O Novoa Santos atende a unha poboación de ao redor de 19.000 persoas, que agora se verán obrigados a desprazarse, dependendo do horario de atención que tiveran, e consideramos que isto rompe unha dinámica de saúde que non está a ter en conta a opinión de ningunha das partes afectadas”, subliña

Ourense, 27 de marzo de 2025. As e os socialistas insisten en que o goberno autonómico debe sentarse a falar cos e cas profesionais sanitarios que veñen denunciando, nas últimas semanas, o caos que pode supoñer trasladar doentes do cupo do centro de saúde Nóvoa Santos para que sexan atendidos no do barrio do Couto e no Centro de Especialidades de Concejo. “Onte eran os profesionais de Psiquiatría os que rexistraban unha queixa á Xerencia trasladando o seu rechazo á decisión de que a área de Saúde Mental que se atopaba en Concejo pase ao CHUO polo amoreamento que conlevaría dos e das usuarias do servizo”, sinala a voceira do PSdeG no Concello de Ourense, Natalia González Benéitez.

Neste senso, as e os socialistas respaldan as críticas dos profesionais e lamentan que dende que se iniciou o proxecto para a construción do CIS Nóvoa Santos, no ano 2021, non tiveran tempo de planificar de xeito adecuado a reorganización dos e das profesionais e dos e das doentes para ocasionar os menores inconvenientes posibles. “Dende Psiquiatría advirten de que os cambios implicarán o desmantelamento do hospital de día, do que din que xa contaba cunas instalacións deficientes, debido á aminoración do seu espazo para poder incluír 17 consultas”, enfatiza a deputada no Parlamento Carmen Rodríguez Dacosta que levará unha batería de iniciativas para que o executivo galego consensúe coas partes afectadas a reorganización.

Así mesmo, inciden as e os socialistas en que as obras de derrubamento e a construción das novas instalacións sanitarias pode prolongarse no tempo e avalan os reclamos dos profesionais de Psiquiatría que destacan a estigmatización e discriminación, esquecendo as súas necesidades ao alterar o modelo de asistencia dun xeito radical, improvisado e non consensuado.

Ademais, dende o grupo municipal socialista instan ao executivo de Gonzalo Pérez Jácome a estudar con rigor e poñer en marcha unha modificación e/ou reforzo provisional de liñas de transporte urbano para dar cobertura ao incremento substancial de doentes trasladados ao Centro de Saúde de O Couto. Entenden que é preciso, ante o desprazamento de parte dos e das pacientes, unha reestruturación para que haxa unha parada de autobuses próxima a este edificio, xa que a máis cercana está a uns 200 metros e ante o propio centro non hai sitio para parar e baixar a unha persoa de avanzada idade ou con problemas motrices.

Por outra banda, as e os usuarios do centro de saúde Nóvoa Santos organizaron un encontro aberto ás entidades sociais, á cidadanía, aos e ás profesionais e a representantes institucionais para expresar a súa disconformidade coas decisións adoptadas e informar sobre a recollida de sinaturas que están a levar a cabo. “O Novoa Santos atende a unha poboación de ao redor de 19.000 persoas, que agora se verán obrigados a desprazarse a outros lugares, dependendo do horario de atención que tiveran, e consideramos que isto rompe unha dinámica de saúde que non está a ter en conta a opinión de ningunha das partes afectadas”, afirma a voceira no Concello de Ourense.