Deputación de Ourense INICIATIVAS POLÍTICA PROVINCIAL

Impulsamos unha mellora na financiación local aos concellos

O PSDEG-PSOE DE OURENSE ACADA O COMPROMISO DO PLENO DA DEPUTACIÓN DE OURENSE PARA SACAR ADIANTE UNHA INICIATIVA PARA MELLORAR OS MECANISMOS DE FINANCIAMENTO DOS CONCELLOS DA PROVINCIA

Con 36 dos 92 concellos ourensáns en “perigo de viabilidade”, os socialistas logran apoio dos grupos para unha financiación local que dea resposta “aos desafíos que enfrontan os municipios pequenos”

Ourense, 28 de marzo de 2025. Co voto maioritario do pleno, o Grupo Provincial Socialista tamén sacou adiante unha iniciativa para mellorar os mecanismos de financiamento dos concellos da provincia. “Temos que dar resposta aos graves desafíos que enfrontan, nomeadamente os municipios pequenos, que ademais deben acometer problemas estruturais coma o despoboamento e envellecemento demográfico”, afirmou na exposición de motivos o voceiro socialista, Álvaro Vila.

Na súa diatriba o socialista abondou na “situación crítica” que atravesan os municipios do rural ourensán que “sobre a base de partidas orzamentarias reducidas deben atender cada vez máis amplos e novos servizos”. Entre estes, toda a pléiade de competencias impropias que recaen sobre as arcas locais, coma o servizo de axuda no fogar, pero tamén custos derivados do mantenento de instalacións que non son municipais.

“Ás competencias impropias e ao incremento de tarefas hai que sobrepoñer a crecente complexidade administrativa e burocracia, que supoñen unha carga adicional para entidades que carecen de persoal e recursos para xestionar os proxectos e servizos habituais”. Neste senso, Vila aludiu a un recente informe do Consello de Contas, que conclúe o “perigo de viabilidade” de 36 dos 92 concellos de Ourense. A moción plantexaba medidas para que o Estado afronte a reforma do sistema de financiamento, pero tamén para que a Xunta de Galicia actualice o monto do financiamento dirixido aos concellos, conxelado desde 2009 malia que o IPC ten aumentado até un 33,7%. “A moción reflicte o compromiso do PSdeG-PSOE co futuro dos concellos, buscando garantir a súa supervivencia, desenvolvemento sostible e mellora da calidade de vida no rural”, concluíu Vila.