Deputación de Ourense INICIATIVAS POLÍTICA PROVINCIAL

Presentamos unha batería de preguntas no pleno da Deputación

O PSdeG-PSOE de Ourense inquire á Deputación sobre os incidentes na estación de Manzaneda, a mina de litio de Doade, os fondos Next Generation e a “avalancha de solicitudes denegadas na redución das taxas do lixo”

Ourense, 28 de marzo de 2025. O deputado Aurentino Alonso manifestou a súa inquietude dos socialistas polo continuos incidentes na estación de montaña de Manzaneda, que poñen de manifesto “continuas disfuncionalidades na súa xestión”. Problemas en plena temporada alta que afectan ao concello de Manzaneda, pero tamén ás comarcas de Trives, Caldelas e Valdeorras. “Que medidas están a ser tomadas para resolver a situación da estación?”, inquiriu Alonso, quen impeleu á Deputacióin a activar a comisión de traballo de Manzaneda aprobada en pleno.

Emilio Díaz, deputado socialista polo Ribeiro, preguntou pola consideración da mina de litio de Doade como “proxecto estratéxico” pola UE para o subministro de minerais raros. Díaz demandou se a Deputación tiña “informacións directas”, alén do publicado en medios, se estaba en contacto coa Xunta, Samca (empresa concesionaria) e comunidades afectadas, e sobre os mecanismos ao seu dispor “para velar pola sustantabilidade da explotación e garantir un impacto económico positivo sobre as poboacións afectadas”.

A deputada socialista pola Limia, Elvira Lama, afeou a “opacidade” coa que actúa a Deputación, interrogando ao seu presidente, Luís Menor, sobre a relación de proxectos e programas presentados pola Deputación e os seus organismos autónomos aos fondos Next Generatión. Lama pediu información sobre “todos proxectos e programas que obtiveron financiación, pero tamén os que foron denegados, con importes, destino, estado de tramitación e número de expediente”.

Os socialistas tamén abordaron a “avalancha de solicitudes denegadas para a redución nas taxas do lixo sobre a base de supostos erros formais», como a presentación de fotos “non adecuadas” dos sistemas de compostaxe. “Unha situación que está a xerar malestar entre a veciñanza porque as decisións tómanse sen realizar as inspeccións in situ ás que se comprometera a Deputación, indo contra o espírito dunha medida que quería incentivar prácticas ambientalemente responsables”, destacou a deputada Susana Rodríguez.