AS E OS SOCIALISTAS DE OURENSE REIVINDICARON A FIGURA DE CASTELAO CUN EVENTO NO QUE EXHORTARON A TRABALLAR E SOÑAR CUNHA CIDADE QUE DEFENDE A SÚA CULTURA
O acto, que tivo lugar diante da Biblioteca Nós (na praza da II República), contou coa colaboración da actriz Uxía Morán que realizou unha ‘performance’ sobre algúns personaxes do célebre autor
“Castelao enfatizaba sobre a necesidade de traballar por metas concretas e acadables e é aí cara onde temos que mirar nós”, afirmou a secretaria de Educación da Comisión Executiva Municipal do PSdeG, Cristina Cruz
Ourense, 28 de marzo de 2025. As e os socialistas da agrupación municipal de Ourense reivindicaron a figura de Alfonso Rodríguez Castelao nun emotivo acto, fronte a Biblioteca Nós, que repasou, dende unha perspectiva actualizada, os personaxes máis tradicionais do narrador e dramaturgo galego da man da actriz Uxía Morán.
“Estamos aquí para conmemorar o seu legado político e artístico no cal reflectiu boa parte do seu pensamento e da súa entrega a defender unha Galicia avanzada, moderna, democrática e afastada dunha cerrazón endémica; pero centrada na importancia da súa propia cultura ancestral coma un feito diferencial e enriquecedor”, comezou explicando a secretaria de Educación da Comisión Executiva Municipal, Cristina Cruz.
Así mesmo, lembrou que foi no Liceo de Ourense onde Castelao fixo, en febreiro de 1912, a súa primeira exposición individual que levou despois a Madrid con moito éxito. “Malia a que se cumpren 75 anos do seu pasamento, ningún acto institucional se vai levar a cabo dende o Concello”, lamentou ante a falta de compromiso e de “recoñecemento cara a este gran escritor, pensador, pintor e intelectual” por parte do goberno municipal.
“Castelao enfatizaba sobre a necesidade de traballar por metas concretas e acadables e é aí cara onde temos que mirar nós”, continuou expoñendo ante os e as asistentes exhortando, e parafraseando ao intelectual rianxeiro, a non quedar só soñando coas utopías e reclamar a cultura e identidade propias. “Porque o soño de Ourense é unha utopía realizable”, rematou.
Neste senso, as e os socialistas da Comisión Executiva Municipal levan tres anos retomando a senda galeguista con actos de conmemoración como os adicados ás Letras Galegas ou o desta mesma tarde no convidaron a toda a cidadanía a festexar ao autor. “Máis que nunca, as palabras de Castelao están vixentes; e que mellor lugar que este, a Biblioteca Nós, para acoller este evento e quen mellor que Uxía Morán para reivindicar a súa obra dende unha perspectiva nova e emocionante. Grazas, Uxía, de todo corazón pola túa implicación, afouteza e creatividade”, rematou afirmando.
















