O GRUPO PROVINCIAL SOCIALISTA LOGRA O COMPROMISO DO PLENO DA DEPUTACIÓN PARA MANTER OS SERVIZOS E COIDADOS OFRECIDOS POLA ESCOLA INFANTIL “A CASIÑA”
“O peche unilateral anunciado o 27 de febreiro, ademais de deixar tiradas ás familias non presenta alternativas viábeis na entorna para cubrir a demanda existente”, denunciou Diego Fernández
A moción socialista non esquece a situación de desleixo das sete traballadoras da escola infantil, interpelando á corporación provincial a “actuar”
Ourense, 28 de marzo de 2025. O Grupo Provincial Socialista acadou o apoio do resto de grupos para que a Deputación se involucre no mantemento da Escola Infantil “A Casiña” e busque alternativas axeitadas para dotar de continuidade aos servizos e coidados dos máis cativos do barrio das Lagoas. “O peche anunciado o 27 de febreiro, sen previo aviso, ademais de deixar tiradas ás familias non presenta alternativas viábeis na entorna para cubrir a demanda existente”, subliñou o deputado socialista Diego Fernández.
Asentada sobre terreo público nas Lagoas, en funcionamento desde 1977 e xestionada hai 17 anos por Cáritas Diocesana de Ourense, a escola dispón de 41 prazas e un cadro de traballadores composto por 7 persoas. Segundo explicou Fernández, “a meirande parte das familias afectadas non pode desprazarse a centros educativos alternativos pola distancia e falta de recursos, o que fai do cerramento un inconveniente loxístico maior ou mesmo un obstáculo insalvábel, impactando na conciliación laboral e persoal dos fogares”.
O deputado socialista polo Carballiño abondou na “ausencia de alternativas plausibles ao dispor das familias” cando se realizou o anuncio do peche. “A decisión de Cáritas Diocesana de Ourense sobrevén nun momento en que usuarias e usuarios da Escola Infantil xa tiñan confirmada renovación da súa praza no centro, o cal agrava a situación e incrementa a incerteza por non estar nais e pais en disposición de planificar axeitadamente o vindeiro curso”, dixo este.
A moción socialista non pasa por alto a situación de desleixo na que quedan as sete traballadoras da escola, interpelando á corporación provincial a “actuar”. “Alén de instar a Cáritas para dotar de continuidade ao centro, xa que non se xustifican as causas económicas esgrimidas para o peche, a Deputación ten que demandar da Consellería de Educación unha intervención de urxencia para atallar os efectos dunha situación que afecta ao benestar e estabilidade das familias e traballadoras, así como á atención e formación dos cativos”.

