Executiva municipal de Ourense Parlamento de Galicia PSdeG

Descubrimos o funcionamento do Parlamento de Galicia e o seu fondo bibliográfico e artístico

A AGRUPACIÓN MUNICIPAL DO PSDEG DE OURENSE DESCUBRÍU O FUNCIONAMENTO DO PARLAMENTO DE GALICIA E O SEU FONDO BIBLIOGRÁFICO E ARTÍSTICO

“Do mesmo xeito que en decembro de 2024 nos desprazamos ata Bruxelas para coñecer unha das sedes do Europarlamento, e en febreiro ata Madrid para percorrer o Congreso e o Senado, agora chegou o turno da institución onde reside o poder lexislativo da Comunidade Autónoma de Galicia”, explicou a secretaria xeral dos e das socialistas en Ourense, Natalia González

“Entendíamos como fundamental que a militancia puidera coñecer de xeito próximo toda a actividade que aquí se desenvolve e os mecanismos que a cidadanía ten para propoñer asuntos relevantes a tratar”, destacou a deputada Carmen Rodríguez

Ourense, 31 de marzo de 2025. A agrupación municipal do PSdeG-PSOE de Ourense visitou o Parlamento de Galicia, xunto a deputada Carmen Rodríguez Dacosta, para adentrarse no funcionamento diario da institución e afondar na súa orixe e historia. “Do mesmo xeito que en decembro de 2024 nos desprazamos ata Bruxelas para coñecer unha das sedes do Europarlamento xunto a Nico González, e en febreiro ata Madrid para percorrer o Congreso e o Senado da man de César Mogo e Marga Martín, agora chegou o turno da institución onde reside o poder lexislativo da Comunidade Autónoma de Galicia”, explicou a secretaria xeral dos e das socialistas en Ourense, Natalia González Benéitez.

Así, os e as participantes na actividade organizada pola Comisión Executiva Municipal (CEM) visitaron o Pazo do Hórreo que se instaurou como sede da Cámara galega en 1981 e no que traballan a diario os 75 deputados e deputadas que se elixen mediante sufraxio universal. Nos seus corredoiros lembraron, entre outras curiosidades, que o edificio foi inaugurado en 1915 –e que na súa orixe foi construído como facultade de Veterinaria– para verse obrigado a pechar as súas portas durante a ditadura de Primo de Rivera.

Tamén descubriron que se trata da institución pública con máis obra artística de Galicia –preto de 360 contabilizando cadros e esculturas, moitas das cales teñen autoría dos ourensáns Xaime Quessada e Acisclo Manzano– e puideron observar parte do fondo bibliográfico composto por máis de 55.000 volúmenes –en torno a 20.000 sobre dereito– da Biblioteca Nós e da Biblioteca Carvalho Calero –que atesoura libros do célebre escritor e primeiro catedrático de Lingüística e Literatura Galega da Universidade de Santiago de Compostela–.

Como acontece noutras institucións, o Pazo do Hórreo tamén conta cun “salón de pasos perdidos”, neste caso oficialmente nomeado como Salón das Letras Galegas e en cuxo interior se expoñen os retratos de todos os escritores e escritoras ás que se lles adicou o 17 de maio. E as e os socialistas ourensáns aprenderon, ademais, que se trata do único Parlamento de España que dispón de despachos individuais para todas e cada unha das deputadas e deputados electos.

“Entendiamos como fundamental que a militancia puidera coñecer de xeito próximo toda a actividade que aquí se desenvolve e os mecanismos que a cidadanía ten para propoñer asuntos relevantes a tratar ou mesmo modificacións nos textos e solicitudes directas que se poden realizar, a través da páxina web do Parlamento a cada un e unha de nós”, destacou a deputada Carmen Rodríguez.